O CONCELLO ORGANIZA A FEIRA LOCAL DE SEGUNDA MAN O 12 DE DECEMBRO NO PAVILLÓN DA RAMALLOSA

26-11-2015
O Concello de Teo organiza a Feira local de segunda man o próximo sábado 12 de decembro. Trátase dun mercado cidadán aberto á participación de asociacións e particulares e realizarase no pavillón polideportivo da Ramallosa. Calquera entidade ou persoa interesada en participar pode pórse en contacto co departamento de participación veciñal, que coordina a actividade, nos seguintes números de teléfono: 981 809 707 ou 981 815 700.

O CONCELLO MANTÉN O SEU COMPROMISO NA LOITA CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO

24-11-2015
O Concello de Teo amosou publicamente o seu compromiso na loita contra a violencia de xénero. Con motivo da celebración do 25-N fíxose pública unha declaración institucional na que se destaca que este gravísimo problema lonxe de ser un drama persoal é un problema que invade ámbitos sociais e comunitarios, afectándonos a todas e todos no seu conxunto. En definitiva é un problema que lle afecta a toda a sociedade. Consulta aquí a declaración institucional

O CONCELLO DE TEO VISIBILIZA O PROBLEMA DA VIOLENCIA DE XÉNERO CUNHA INTERVENCIÓN DE ARTE URBANA NA RÚA

21-11-2015
O departamento de Igualdade do Concello de Teo quere chamar a atención sobre o problema da violencia de xénero e apostou por facelo cunha intervención de arte urbana na rúa. Estes días estanse realizando dous graffitis en dous espazos nas vías que cruzan o Concello, na N-550 (á altura da Casalonga) e na AC-841 (á altura da Ramallosa).



A CONCELLARÍA DE URBANISMO SOLICITARÁ A FOMENTO QUE REALICE A CONEXIÓN DA AP-9 AO SEU PASO POR TEO

17-11-2015
A concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus (PSOE), presentou a proposta que se debaterá no pleno ordinario deste mes de novembro no que se solicita a Fomento a conexión de entrada e saída da AP-9 ao seu paso por Teo. Segundo detallou a concelleira “nesta primeira solicitude pedimos que se faga a conexión sur, de entrada cara a Pontevedra e de saída dende Santiago xa que tería un custe económico moi asumible e solucionaría moitos problemas de tráfico, xa que liberaría de moito tráfico ao Milladoiro”.


O CONCELLO ABRE O PRAZO PARA ANOTARSE NO DIVERTO NADAL

13-11-2015
O prazo para inscribirse no Diverteo que se realizará nas vacacións escolares de Nadal está aberto dende o 16 ao 30 de novembro. Este programa pretende ser unha ferramenta de axuda para as familias na conciliación familiar e laboral e funcionará os días 21, 22, 23, 24, 28, 29, 30 e 31 de decembro de 2015 e o 4 e o 5 de xaneiro de 2016. O Diverteo está dirixido a nenos/as escolarizados nos CEIPs ou no CRA de 3 a 12 anos con preferencia para os empadroados/as en Teo. Consulta a convocatoria completa premendo aquí