O programa Fogares acada os obxectivos marcados no primeiro ano de funcionamento

06-02-2023

O Departamento de Benestar puxo en marca o ano pasado o Programa Fogares, desenvolvido a través dun convenio coa entidade Provivienda. Rematado o 2022 acadouse o obxectivo marcado nun inicio que consistía en facilitar a incorporación ou mantemento da vivenda a seis núcleos familiares que presentaban risco de exclusión residencial.


Rarís, Reis e Teo celebran o entroido dos Xenerais

25-01-2023

As parroquias de Rarís, Reis e Teo quecen motores xa para a celebración do entroido rural tradicional dos Xenerais de Ulla no noso Concello. Despois de varios anos nos que a celebración non puido realizarse nas condicións habituais, neste 2023 as comisións organizadoras traballan arreo para que a festa sexa de novo un lugar de encontro para centos de persoas da Comarca. 

Rarís abre o cinco de febreiro. As comparsas e os xenerais e correos percorrerán a parroquia para rematar co atranque no campo da festa a partir das 20:00 horas. 




Realízanse obras de mantemento na Mediateca de Cacheiras

13-01-2023

A concellaría de Cultura, dirixida por María López, programou obras de mellora na Mediateca de Cacheiras nas últimas semanas. Durante as vacacións de Nadal pintouse a instalación para o que houbo que retirar todas as estanterías que cubren as paredes. Son traballos de mantemento moi necesarios nun espazo de uso diario. Logo de rematar as obras tivo que colocarse de novo o fondo bibliográfico co que conta a biblioteca. 

Nos últimos meses tamén se executaron obras na Casa común dos Tilos, onde se actuou sobre a envolvente xa que estaba bastante deteriorada. 



Comeza a funcionar o Punto Xove na Mediateca de Cacheiras

11-01-2023

Neste mes de xaneiro comeza a funcionar o Punto Xove na Mediateca de Cacheiras. Trátase dunha idea que xurde do Foro de participación da infancia e adolescencia de Teo (Fopia). 

A rapazada do Fopia trasladou ao Concello esa demanda, a necesidade dun espazo para a mocidade de uso libre e sen unha programación concreta, un espazo para estar e para compartir. Dende a área de Mocidade recóllese esta suxestión e en xaneiro abrirá a Mediateca de Cacheiras os sábados de 17:00 a 19:00 horas para a xuventude. Neste primeiro mes funcionará os sábados 14, 21 e 28.