O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O pleno do Concello pídelle á Deputación a ampliación da DP-0205

| compartir:

O pleno do Concello de Teo aprobou, na sesión deste mes de setembro, reivindicarlle á Deputación a ampliación da DP-0205 e a mellora da seguridade viaria no núcleo da Igrexa (Luou). 

A proposta, na que se explica o desleixo da Deputación con esta vía da súa titularidade así como a discriminación ao Concello evidenciado na falla de investimentos, contou co apoio de todos os grupos políticos (PP, Son de Teo, PSdeG-PSOE e BNG)

Podes ver o contido a proposta aprobada a continuación: 

Reclamación de ampliación da DP-0205 e de seguridade viaria do núcleo da Igrexa (Luou)

A estrada DP 0205 ten un trazado de 13.010m que une Bertamiráns (Ames) coa Ramallosa (Teo) e soporta un tráfico moi intenso como vía de conexión da AG 59 e da AC841 coa AG 56 e a N-550. Esta vía foi ampliada na súa totalidade hai máis dunha década, incluso con variantes de varios quilómetros para retirala dos núcleos tradicionais polos que pasaba. Incomprensiblemente, un tramo de algo máis de tres quilómetros comprendido entre o pK 7,850 (Lugar de Cornide, Calo) e o pk 11,200 (O Aido, Luou), quedou fóra do proxecto e nun estado de lamentable abandono en canto á seguridade viaria.

O 27 de xuño de 2008 a Deputación provincial aprobou un proxecto técnico de ampliación e mellora deste tramo, chegando incluso a anunciar a urxente expropiación (BOP do 1 de febreiro de 2010). A realidade é que catorce anos despois o único que se fixo foi dilapidar aglomerado recrecendo innecesariamente a plataforma, o que incrementou os problemas de seguridade viaria e orixinou outros co estancamento das pluviais.

As continuas reclamacións dos gobernos municipais foron desatendidas pola Deputación provincial, con boas palabras pero absoluta falta de compromiso real. O 1 de decembro do 2015 D. José Manuel Pequeño, deputado provincial responsable de Vías e Obras, visita co Alcalde e a concelleira de Urbanismo as curvas do Aido, comprometéndose a redactar un novo proxecto ao longo do 2016. O 18 de maio de 2017 é o propio Presidente da Deputación o que ven a Teo a presentar o proxecto da variante da DP8202 (por certo, obra sen iniciar máis de 5 anos despois), e visita no TeoBus a ponte e as curvas do Aido, comprometéndose unha vez máis a redactar o proxecto con urxencia (ante a evidencia de que non fixeran nada ao respecto). Outra volta, o 19 de febreiro de 2019, na reunión mantida na Coruña pola concelleira de Urbanismo e o Arquitecto municipal co Presidente da Deputación, ponse enriba da mesa o tema da ampliación da DP 0205, cun novo compromiso de redacción do proxecto dunha variante.

O último episodio do desleixamento da Deputación constátase na reunión entre o Presidente da Deputación e o Alcalde de Teo celebrada na Coruña o 14 de xaneiro de 2021, na que se manifesta expresamente a non existencia de ningún proxecto sobre este tramo nin, tan sequera, a contratación da redacción do mesmo, comprometida repetidamente. Diante desta situación insostible, o Alcalde e o Presidente da Deputación, Concello de Teo CIF. P 1508300 I Travesía da Ramallosa 38 15883 Teo T.981 815 700 despois de facerlle ver o insostible e discriminatorio da situación, chegan a un acordo expreso: A Deputación comprométese a licitar ese mesmo ano a redacción do proxecto dunha primeira fase da ampliación da estrada entre A Igrexa de Luou e a ponte do Aido (que inclúe a construción dunha nova ponte e unha variante nas curvas do Aido) e o concello á redacción dun proxecto de seguridade viaria no tramo da carballeira e o cruce de Luou co obxecto de evitar a grave inseguridade viaria que se recoñece nese punto e na que, o propio Presidente recoñece o absurdo que resulta que a Deputación non autorice pasos de peóns mentres a estrada sega a ser de titularidade provincial. O compromiso conleva que o concello redacte o proxecto e tramite os permisos de Patrimonio para acto seguido asinar un convenio no que a Deputación cede ao concello ese tramo da estrada e financia entre o 50 e o 70% do custe da obra.

Cumprido o compromiso municipal co proxecto básico de “Recuperación do espazo urbano e paisaxístico na carballeira de Luou” asinado por Crecente y Fuertes SLP cun orzamento de 1.100.662€, e tramitado o permiso diante de Patrimonio (que require algunhas modificacións de escasa entidade), solicítase en maio de 2022 unha nova entrevista co Presidente da Deputación. A pesar da reiteración da solicitude de entrevista o 6 de xuño, ou de volver a facelo o 27 de xuño, o Presidente da Deputación non ten tempo para recibir ao Alcalde de Teo.

Despois de mostrar a indignación desta Alcaldía, telefonicamente ofértase dende a Deputación a posibilidade de ser recibidos por José Manuel Pequeño, deputado provincial responsable de Vías e Obras, cita a que asiste o Alcalde acompañado do Arquitecto municipal o 15 de xullo deste ano. Unha vez máis recoñécese que a Deputación non iniciou a redacción do proxecto de ampliación da DP 0205 no tramo comprometido e, ademais, indícase que o proxecto redactado polo concello non poderá realizarse se non existe unha vía alternativa ao tramo de Luou, cuestión que nunca se puxera enriba da mesa, obviamente, pois imposibilitaría esa alternativa e o concello non tería gastado os cartos en redactar o proxecto.

Neste período de continuos compromisos incumpridos co concello de Teo, constátase ademais o trato discriminatorio da Deputación con respecto a outros concellos: así, sobre esta mesma estrada DP 0205, constrúese no concello de Ames, un carril bici dende Bertamiráns ata Agro do Muíño, cunha achega da Deputación de máis de medio millón de euros. Mentres, nas curvas Aido seguen a envorcar camións que se cruzan con autobuses sobre unha ponte de 3 m de ancho.

Consecuentemente, tomando en consideración o arriba exposto, propoño ao Pleno a adopción do seguinte ACORDO:

  1. Esixir á Deputación que solucione, de forma inmediata, os graves problemas de seguridade viaria do tramo non ampliado da DP 0205, estrada da súa exclusiva responsabilidade, en concreto nas curvas do Aido, na Carballeira de Luou, e nas curvas de Espasande, Seixos e Cornide.
  2. Reclamar que licite con urxencia a redacción do proxecto de ampliación do tramo da DP 0205 comprendido entre o pK 7,850 (Lugar de Cornide, Calo) e o pk 11,200 (O Aido, Luou), incluída a construción dunha nova ponte polo risco evidente que esta infraestrutura supón para a circulación dos vehículos pesados e dos autobuses.
  3. Trasladar ao Presidente da Deputación a indignación desta Corporación pola falta de cumprimento dos compromisos asumidos reiteradamente.

Podes ver a sesión plenaria premendo aquí

Luou