O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello instala unha caixa niño na Tomada para poder retransmitir o aniñamento dos paxaros

| compartir:

O 2 de febreiro é o día da Candeloria, o día do ano no que casan os paxaros. E como "o que casa casa quere" tamén aniñan neste época. O Concello vén de instalar na carballeira da Tomada, en Calo, unha caixa niño para poder retransmitir este proceso natural nas vindeiras semanas. 

Neste momento xa está colocada a caixa á espera de que algunha das aves da zona entre a facer o seu niño e nos vindeiros días comezaremos a emitir en directo dende o interior deste recuncho. A concelleira María López explica que "esta iniciativa está enfocada e pensada principalmente para que dende a comunidade escolar, de Teo e de fóra de Teo, poidan achegarse á ornitoloxía e dun xeito moi particular ás aves que habitan o noso entorno máis próximo". E para eso levaremos este proceso a internet xa que a emisión en directo se poderá ver dende a web municipal.  

O día da candeloria ten a súa orixe nos ciclos da natureza  e lémbranos que o inverno vai quedando atrás, con días máis longos e máis luz, e a primavera se vai achegando. 

HabitaTeo 

A Tomada é o primeiro espazo recuperado do HabitaTeo, unha rede de espazos naturais do Concello. Para a recuperación da leira da Tomada foi preciso un traballo de silvicultura intenso, que incluiu rozas, talas e, sobre todo, eliminación de especies invasoras. Ademais realizouse un complexo traballo de deseño do espazo para poder adecualo ao novo uso público. Ata o de agora a xente entraba na Tomada para coller leña dos carballos demoucados. Se ben, dende este momento a zona conta cunha área de carballeira rehabilitada e tamén cun espazo de prado.

Do mesmo xeito, tamén se dispuxeron elementos preparados para as persoas visitantes, construídos con madeira retirada dos traballos de tala. Por exemplo, creouse unha zona que exercerá de lugar de encontro e que se denomina “a roda” ou unha zona chamada “os panterlos”, que son estruturas piramidais que se asemellan a uns artiluxios empregados para cazar paxaros, pero que neste lugar serven para marcar puntos de escoita dos mesmos. 

Aos panterlos agora sumamos esta caixa niño para poder observar a vida dos paxara dende outro punto de vista, sempre respectuoso. 

 

 

caixa niño na Tomada