O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Compostela Rupestre decide licitar de forma conxunta a limpeza e o mantemento dos petróglifos e entidades patrimoniais

| compartir:

A limpeza e mantemento dos petróglifos, a compra de parcelas nas que se sitúan petróglifos en Monte Piquiño e a creación do CIRVI (Centro de Interpretación Rupestre de Villestro) foran as tres primeiras iniciativas que a finais do pasado ano se decidiran implementar no proxecto do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre. No día de onte, na primeira xuntanza de traballo deste exercico, a Deputación da Coruña e os cinco concellos con terreos integrados no parque - Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra- avanzaron nesta folla de ruta co obxecto de que estas tres accións vexan a luz nos vindeiros meses.

Tras a xuntanza, o deputado de Patrimonio, Xosé Lois Penas indicou que “este é o inicio real da fase executiva deste proxecto, na que lle imos dar prioridade ás tres accións xa decididas na anterior xuntanza, e coa vista posta no obxectivo fundamental da preservación, protección e promoción dos petróglifos para que sexan visitables e accesibles e a toda a cidadanía”.

Neste sentido, Xosé Lois Penas lembrou que na anteiror xuntanza, que ao igual que a de onte tivo lugar na Casa Consistorial de Teo, se decidiran destinar 125.000 euros para o mantemento, limpeza e sinalización de entidades patrimoniais (a contorna dos petrógligos) e para a actualiación da páxina web do proxecto, implementando un sistema de xeolocalización dos elementos patrimoniais. En relación a este punto, tomouse a decisión de optar por unha licitación conxunta para limpeza e mantemento que permita a calendarización dos traballos segundo as necesidades de cada entidade patrimonial e segundo o número de elementos situados en cada concello e que, ao mesmo tempo, permita a optimización de recursos.

O Concello de Teo xa avanzou cos propietarios das fincas do Monte Piquiño os permisos necesarios para que se poidan comezar as rozas atopando moi boa disposición por parte dos particulares. Estes traballos comezarían en canto a Deputación teña contratada a limpeza.

Sobre a compra das parcelas nas que se sitúan petróglifos en Monte Piquiño, no Concello de Teo, propúxose que a xestión para a adquisición de terreos se realice baixo a fórmula da expropiación. Concretamente para a compra das parcelas en Monte Piquiño o orzamento destinado ascende a 50.000 euros.

Por último, tamén estaba acordado destinar 150.000 euros á creación empregando a antiga escola unitaria do lugar de Villestro, en Santiago de Compostela, escollido pola súa situación central e ben comunicada entre os cinco concellos de compoñen o parque. Esta era unha das propostas recollidas no Plan Director que ademais indica que deste edificio se sitúa na contorna inmediata dun petróglifo accesible para as visitas, e propón a recreación dun poboado da Idade do Bronce.

Convén lembrar que estas accións están recollidas no Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, redactado pola empresa Trivium estratexias en cultura e turismo S.L. e que fora presentado no último trimestre de 2021. Es Plan reúne un catálogo de 144 entidades patrimoniais, define 67 contornas de protección e describe de modo exhaustivo o total de petróglifos do Parque de Compostela Rupestre combinando o traballo de documentación e investigación, co emprego da tecnoloxía SIX (Sistema de Información Xeográfica).

Na vindeira xuntanza de Compostela Rupestre está previsto que se materialice o cambio de presidencia do Consello Director que pasa a ser asumida polo Concello de Brión.

compostela rupestre