
O mércores 27 de abril celébrase o pleno ordinario. O horario será ás 20:00 horas no salón de plenos. O debate plenario terá lugar en horario de tarde como é habitual. Poderase ver en directo a través da canle de youtube do Concello premendo aquí.
Un dos puntos que se debaterán será a modificación da ordenanza que regula o prezo das escolas infantís para poder aprobara a gratuídade da atención educativa a partir do próximo curso. Esta bonificación, impulsada dende a Xunta de Galicia, non afectará a servizos como o comedor nas escolas infantís que se seguirá cobrando en función da renda.
Na sesión tamén se votará a aprobación do Plan Director do Parque Compostela Rupestre ou a proposta de comprar o local da antiga Cámara agraria, situada na Ramallosa, por un importe de 63.000 euros. Esta é a cifra na que tasou a Xunta o inmoble, que é a propietaria do mesmo.
Orde do día:
- Aprobación da acta da sesión ordinaria do 23/02/2022.
- Dación de conta das resolucións da alcaldía (da Res 408/22 á Res 528/22).
- Ditame da proposta da alcaldía de aprobación da modificación da ordenanza reguladora do prezo público por utilización das escolas infantís.
- Ditame da proposta da alcaldía de aprobación do Plan Director do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre.
- Ditame da proposta da alcaldía de cambio de uso da parcela dotacional P1 do Plan Parcial Parque Montouto.
- Ditame da proposta da alcaldía de aprobación do proxecto modificado da obra "Reurbanización do núcleo de Cachóns. Santa Baia de Oza" do POS+22.
- Ditame da proposta da alcaldía de corrección do erro material no acordo plenario do 2 de febreiro do POS+22.
- Ditame da moción do grupo municipal do PSdeG-PSOE solicitando a comparecencia do alcalde sobre contrato de xestión do servizo de recollida de residuos sólidos urbanos e limpeza viaria no Concello de Teo.
- Proposición da alcaldía sobre a adquisición do inmoble da antiga Cámara agraria local.
- Mocións.
- Rogos e preguntas.