O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo volve a concentrarse polo 25N

| compartir:

O Concello de Teo volve a concentrarse, nun acto institucional, para rexeitar a violencia de xénero. Esta mañá, persoal municipal, participou nesta actividade na que se lle deu lectura á Declaración institucional polo 25 N.

 

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE TEO NA CONMEMORACIÓN DO 25 DE NOVEMBRO “DÍA INTERNACIONAL DA ELIMINACIÓN DA VIOLENCIA DE XÉNERO” 2021

Nota: Declaración Institucional é un instrumento de carácter excepcional que recolle, solemnemente, un pronunciamento que poña de manifesto o sentir unánime de todas as persoas que integran unha asemblea, corporación, etc. dunha institución pública en torno a situacións ou acontecementos de actualidade. A finalidade é trasladarlle á sociedade a transcendencia e importancia dos valores que se pretenden transmitir.

No día 25 de novembro, onde se conmemora o Día Intenacional da Eliminación da Violencia de Xénero, a sociedade non pode nin debe aturar máis a violencia que se exerce sobre as mulleres. O posicionamento ha de ser firme e unánime contra a violencia de xénero que se expresa de múltiples formas e que ten como consecuencia unha desigualdade polo mero feito de ser muller.

Desafortunadamente as cifras avalan que esta problemática é estrutural: a violencia de xénero existe en todas as idades e en todos os niveis educativos, sociais e económicos. É, por tanto, imposible escapar no noso sistema a esta desigualdade.

O máximo expoñente é a violencia física que se exerce sobre as mulleres, algunha con fatal desenlace. Non debemos esquecer ningunha das 37 mulleres que foron asasinadas durante este ano 2021 no estado español. Trinta e sete mulleres que deixaron de ver o amencer, de acompañar os seres queridos ou soplar as velas no seu próximo aniversario. 37 mulleres que non celebrarán este fin de ano pois foron asasinadas por nacer mulleres nunha sociedade machista.

Se ben a violencia física é unha das formas máis crueis de violencia exercida sobre as mulleres, as formas son múltiples e así a violencia psicolóxica, sexual, a coacción ou a privación de liberdade son un reflexo da discriminación e desigualdade que sofren as mulleres.

Neste ano 2021, logo de atravesar unha pandemia que agravou significativamente a fenda de xénero: quedando as mulleres maltratadas en graves situacións de perigo, estando as mulleres maioritariamente a fronte dos coidados e sufrindo de xeito máis potente a crise económica derivada da emerxencia sanitaria; queremos facer fincapé naquelas violencias que non son tan visibles pero que están presentes a cotío e perpetúan esa desigualdade estrutural.

Trátase de visibilizar o acoso sexual que sofren as mulleres no ámbito laboral, no transporte público ou a violencia dixital. Cómpre nomear, para poder colocar, os desprezos, insultos e ameazas que están instaurados na nosa linguaxe cotiá e que perpetúan a violencia estrutural. Trátase de recoñecer e abordar a violencia obstétrica. Cómpre sanar a violencia vicaria. Trátase de afrontar a desigualdade e desvalorización profesional que sofren as mulleres. A fenda salarial é un dato obxectivo que debería avergoñarnos como sociedade.

Trátase en definitiva, de remexernos como sociedade ata que o último atisbo de desigualdade estea resolto. Polas que foron antes, que loitaron polos nosos dereitos, pero sobre todo, polas persoas que construirán o futuro, as crianzas de hoxe, que teñen o dereito a vivir nunha sociedade igualitaria.

Non existe unha fórmula exacta para resolver estas violencias estruturais e por iso as solucións han de ser múltiples e abordadas dende distintas ópticas.

Por iso, a poboación do Concello de Teo, representada pola Corporación Municipal, reitera o seu compromiso de:

1. Asumir o contido do Plan Municipal de Igualdade e de prevención da violencia de xénero, ferramenta guía da acción en igualdade da Corporación.

2. Reclamar á Xunta de Galicia o financiamento necesario para que a prevención da violencia e a atención ás vítimas se materialicen de xeito contundente.

3. Reclamar ao Goberno de España a renovación do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero a través do consenso político como ferramenta necesaria fronte á loita contra a violencia de xénero.

4. Reclamar á Xunta de Galicia unha implementación da rede de Centros de Información ás Mulleres que cubra todo o noso territorio e artellar estratexias de retroalimentación e información entre centros que poidan crear sinerxias.

5. Facilitar ás vítimas o acceso aos medios e recursos dispoñibles e apoialas no proceso de superación da situación de violencia, así como ás súas familias.

6. Crear espazos de encontro e debate sobre a construción dun futuro libre de discriminación sexista.

7. Recoñecer e apoiar o traballo realizado a través de diferentes programas e campañas de protección e prevención dos colectivos feministas, moitas veces en coordinación continua entre institucións e outras organizacións sociais. Este Concello participa nas campañas En Negro contra as violencias e De fronte contra as violencias.


 

25 n

Arquivos descargables

Attachment Size
declaracioninstitucional_25N_0.pdf 599.16 KB