O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O concello reclama da consellería que cumpra o seu propio Decreto e asuma a xestión do comedor dos Tilos

| compartir:

O concello de Teo recibiu está mañá unha notificación asinada polo Secretario Xeral Técnico da consellería de Educación na que, escapando de toda argumentación xurídica ou normativa, pretende aparcar ou delegar as súas competencias no ámbito educativo xa que, máis alá de que a Xunta de Galicia considere o comedor un servizo complementario, a competencia segue sendo da administración autonómica.

Proba evidente desta competencia é a disposición adicional terceira do Decreto 132/2013, do 1 de agosto, polo que se regulan os comedores escolares dos centros docentes públicos non universitarios dependentes da consellería con competencias en materia de educación, (asinado por Alberto Núñez Feijoo, non por un presidente doutro partido) que literalmente establece a “asunción progresiva pola consellería con competencias en materia de educación da xestión de comedores escolares xestionados polas asociacións de nais e pais de alumnos (ANPAS)”, como é o caso do comedor dos Tilos ata este curso.

No decreto establécese ademais que será unha asunción administrativa gradual virá determinada polas dotacións orzamentarias da consellería, e que estes comedores asumidos serán xestionados mediante as modalidades 2.1.b) e 2.1.c) previstas no decreto, é dicir, xestión indirecta por contratación con empresas ou por concesión de servizo. Especifícase ademais que no primeiro curso escolar en que se produza o traspaso da xestión do comedor á consellería garantiranse, cando menos, o mesmo número de prazas e comensais existente no comedor xestionado pola ANPA aplicando as normas xerais de acceso nos seguintes.

Aínda máis. En escrito remitido á ANPA dos Tilos pola subdirección xeral de Recursos Educativos complementarios, en febreiro de 2015, informábaselles desta intención da Consellería (a asunción dos comedores xestionados polas ANPAs), especificando “en concreto a comida do mediodía e a atención ao alumnado neste período de tempo”. Máis alá de que non callara esa asunción, o concello de Teo pregúntase cal foi o cambio lexislativo ou normativo que sustenta o cambio competencial que agora pretende a Consellería e pregúntalle directamente ao Partido Popular por que cambiou de intención e agora pretende marxinar ao colexio dos Tilos dun servizo do que gozan os outros colexios do concello, o de Calo e A Ramallosa.

O concello de Teo comprométese, como xa fixo público, en colaborar nun proceso transitorio durante este curso, pero que necesariamente e, en todo caso, ten que pasar polo compromiso expreso da Consellería en asumir a xestión do comedor dos Tilos no próximo curso, tal e como o Presidente Núñez Feijoo decretaba no DOG do 13 de agosto de 2013.

Destacamos tamén que a día de hoxe a Consellería segue sen atender a petición de reunión urxente tramitada dende o Concello para poder tratar este tema co Conselleiro. 

Así mesmo dende o Concello mantense o apoio ás accións que se adopten pola ANPA dos Tilos en reividicación do seus dereitos educativos e reitérase a solicitude de reunión, a día de hoxe sen resposta, ao Conselleiro de Educación da Xunta de Galícia, como administración competente para a prestación deste servizo fundamental para moitas familias teenses.

tilos