O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

As maiores de Teo, protagonistas do novo mural do Delas Fest

| compartir:

A terceira edición do Delas Fest, impulsado por 7H Cooperativa Cultural, suma unha nova intervención artística a cada vez máis ampla galería de obras feministas e contextuais da área de Compostela. Durante a segunda semana de programación do festival, que desde o pasado 28 de xuño e até o 25 de xullo leva aos muros da bisbarra arte urbana con perspectiva de xénero, a artista visual Marina Capdevila realizou unha intervención mural en Teo que reivindica o papel das mulleres na conservación e difusión do patrimonio inmaterial e na xeración de riqueza e benestar no rural.

A temática da obra, localizada no Auditorio Constante Liste de Teo, está inspirada nas historias que a creadora catalá coñeceu a través de varias residentes no concello, convertidas nas súas anfitrioas. As veciñas, participantes na convocatoria lanzada pola organización co fin de promover vínculos e diálogos creativos entre as intervencións artísticas e a comunidade local, trasladaron a Capdevila o rol crucial das mulleres que, durante xeracións e xeracións, sostiveron a vida dentro e fóra do fogar.

A través de dúas xuntanzas con elas, unha virtual e outra presencial, a muralista e ilustradora catalá traduciu a información e fotografías recompiladas nunha peza protagonizada por tres personaxes femininas que, en actitude rebelde, desenvolven accións tradicionalmente asociadas aos homes. Como é habitual no seu traballo, trátase de figuras de mulleres da terceira idade, ás que procura visualizar e outorgar un protagonismo historicamente negado mediante unha representación alegre.

Intervención na Piscina dos Tilos

Ademais da peza de Capdevila, o paso do festival polo territorio teense deixou unha obra de autoría colectiva na Piscina Municipal dos Tilos. O grupo de participantes no obradoiro de iniciación ao spray, coordinado pola equipa de 7H, crearon de forma colaborativa unha mensaxe retranqueira contra o canon de beleza imposto polo discurso patriarcal nun dos muros interiores do equipamento municipal.

mural Tilos  mural delas fest

mural marina Capdevila