O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A empresa de tecnoloxía Tarlogic cede ao Concello 15 portátiles

| compartir:

O Concello recibiu a doazón de quince ordenadores portátiles da empresa Tarlogic Security.  Os equipos serán usados para actividades lúdicas e formativas organizadas dende as distintas concellarías principalmente enfocadas e nenos e nenas. O acto de entrega contou coa presenza do CEO da empresa, Andrés Tarascó Acuña, e do alcalde de Teo, Rafael Sisto.

María López, concelleira de Cultura e Educación explica que "grazas a esta doazón podemos usar equipos máis modernos para algunhas das clases que tiñamos ofertadas e neste momento xa se están usando". López continúa expresando "o noso agradecemento a esta doazón a Tarlogic dun material que para eles xa non é necesario e a nós sírvenos para realizar unha mellor oferta sobre todo pensada para a cativada". Dase a circunstancia ademais de que a empresa que fai a entrega traballa no ámbito da seguridade informática e dende as escolas municipais ofértase formación relacionada coa tecnoloxía.

Neste momento doce dos ordenadores xa se están utilizando no espazo da Aula de informática para os cursos da Escola municipal de tecnoloxías da información. Concretamente para os cursos de programación e deseño de videoxogos; para o curso de robótica e intelixencia articial e para as clases de ofimática e mecanografía. O alumnado vai dos 8 aos 16 anos e son un total de 41 persoas.

Está previsto que os equipos se poidan usar para outras actividades programadas, sempre relacionadas coa formación.

Especialistas en ciberseguridade

Tarlogic é unha empresa especializada en ciberseguridade e ciberintelixencia que ten a súa sede en Teo. A súa relación co Concello non se limita a esta doazón concreta xa que leva anos colaborando co Banco Veciñal de Alimentos con entregas ao mesmo. O Banco Veciñal funciona dende a Concellaría de Benestar, grazas ao traballo de voluntarias e voluntarios e a doazóns coma a que realizan empresas como Tarlogic.

Tarlogic Security segundo indican dende a súa web é unha das empresas de ciberseguridade de referencia en Europa 10 anos despois da súa fundación en Teo. Conta cun cadro de persoal que supera as cen persoas e a compañía distínguese polo alto grao de especialización e a súa aposta pola innovación.

 

 

 

doazon