O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Cultura presenta o programa ´Verbena Cultural´para o verán

| compartir:

Baixo o título ‘Verbena Cultural’, o Departamento de Cultura do Concello de Teo deseñou para os meses de xullo e agosto un completo programa de actividades culturais, que inclúe espectáculos e actividades para persoas de todas as idades, e para todos os gustos, sempre coa vista posta nas restricións e na normativa vixente na comunidade autónoma galega para o control da pandemia da Covid-19.

As actividades comenzarán o día 2 de xullo e prolongáranse durante os meses de xullo e agosto. Do mesmo xeito que o ano pasado, o día grande das festas de todas as parroquias, grupos de gaitas con alboradas percorrerán as rúas e espazos de todo o municipio. Asemade haberá tamén actuacións da banda da SR de Calo e da Banda de Música de Teo, así como actuacións dos grupos de baile.

No marco desta programación cultural para o verán tamén se organizarán distintos espectáculos culturais, xornadas de autocine, contacontos e actividades de narración oral a través do Festival Atlántica, andainas guiadas polos petróglifos, unha noite de observación astronómica, sesións de maxia, e varias xornadas de xogos para as familias, incluída unha clase de radio a carón das piscinas dos Tilos. A maioría dos espectáculos son gratuítos, e para asistir será necesario facer unha reserva previa de entrada a través do correo electrónico entradascultura@teo.gal e autocinecultura@teo.gal.

O programa completo no que se detallan todas e cada unha das distintas actividades pódese consultar premendo aquí

Festival Atlántica

Este ano o concello de Teo volve a ser sede do Festival Atlántica. A través deste destacado festival de narración oral a poboación teense gozará de catro actuacións, que terán lugar no Parque dos Tilos, na Carballeira de Francos, no local da Asociación A Mámoa de Luou e na Burga de Xermeade. O programa conta coa interpretación de artistas tan relevantes como Raquel Quizás, Guti & Leticia Ruifernández, Celso Sanmartín ou Paco Pakolas. Este festival adoita desenvolverse no mes de marzo, pero este ano terá lugar durante os once primeiros días de xullo en espazos teenses ao aire libre.

Visita aos petróglifos

Por outra banda o venres 16 de xullo terá lugar a VIII Andaina Guiada aos Petróglifos Teenses: ‘Á beira do Angueira’, que é xa unha cita tradicional no verán teense. A duración da ruta é de entre dúas e tres horas, hai 22 prazas e é preciso inscribirse previamente en entradascultura@teo.gal ou no número de teléfono 981 941 063.

verbena cultural

Arquivos descargables

Attachment Size
verbenacultural.pdf 7.22 MB