O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Comeza o Enreguéifate 2021!

| compartir:

Como cada ano por estas datas (e xa hai cinco!), o certame Enreguéifate comeza a súa andaina á procura de estudantes e público en xeral que se apunte á práctica da arte da improvisación oral coa regueifa en lingua galega. Nesta ocasión, faino ademais coa recente boa nova de ter recibido o Premio Mil Primaveras da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) ao mellor proxecto estabilizado.

O prazo de participación estará aberto desde o 29 de marzo ata o 28 de maio de 2021 e a inscrición poderá facerse desde a páxina web do certame, onde tamén están xa dispoñibles as bases: www.enregueifate.gal

Como cada ano, haberá dúas categorías: xeral e escolar. E seis premios en cada unha das mesmas: Regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada e mellor falada.

- Que é o Enreguéifate?

Enreguéifate é un proxecto impulsado polos concellos de Ames, Pontevedra, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo que apoia a difusión da improvisación oral en verso (regueifa) para contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Neste camiño, Enreguéifate súmase ao labor que xa veñen realizando diversas entidades públicas e privadas, así como moitas persoas do ámbito cultural e do ensino.
 

obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.

 

- Os obradoiros formativos

Ademais do certame, cada ano desenvólvense unha serie de obradoiros formativos sobre a regueifa nos centros de ensino dos concellos organizadores. Nesta ocasión serán 60 obradoiros, impartidos por Lupe Blanco, Josinho da Teixeira e A Rabela desde esta mesma semana ata o mes de maio. Información dos obradoiros aquí.

Neste ano os obradoiros impartiranse o 8 de abril nos centros educativos dos Tilos e de Calo.

 

Podes ver aquí o vídeo promocional deste ano.

Enreguéifate