O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

As bibliotecas municipais convocan un concurso de marcapáxinas

| compartir:

O servizo das Bibliotecas Municipais de Teo, convoca un Concurso de marcapáxinas. Con esta iniciativa quérese fomentar a lectura, no mes no que se celebra o día do libro admais de promover o coñecemento das bibliotecas públicas, a Mediateca de Cacheiras e a dos Tilos. 

O concurso está dirixido aos nenos e adolescentes do concello, que comunicarán a través da súa expresión e creación artística as súas vivencias, intereses e emocións arredor da lectura, dos libros ou das propias bibliotecas. 

Poderán concursar todos os nenos e nenas que estean empadroados no Concello de Teo, e estableceránse 4 categorías:

  • Infantil ( de 3 a 5 anos )
  • 1º, 2º e 3º de primaria ( de 6 a 8 anos )
  • 4º, 5º e 6º de Primaria ( de 9 a 12 anos )
  • Secundaria e Bacharelato ( de 13 a 17 anos )

As obras presentaranse nos modelos en cartón deseñados para tal fin, que se poden recoller nas Bibliotecas Municipais e tamén se repartirán nos centros escolares do Concello. O tema para debuxar no marcapáxinas é aberto pero ten que gardar relación coa lectura, cos libros ou coas bibliotecas. Os/as artistas poderán empregar a técnica que prefiran, sempre e cando poidan ser reproducidas.

O prazo de presentación iniciarase o 29 de marzo e rematará o vindeiro 9 de abril. Os marcapáxinas póderanse entregar nos centros educativos ou nas bibliotecas municipais: na Biblioteca do Grilo ou na Biblioteca dos Tilos.

Elexirase un marcapáxinas por cada unha das categorías, e imprimiranse como marcapáxinas oficiais do Concello durante este ano. Ademais en cada categoría haberá un premio que consistirá nun lote de libros.

O horario das bibliotecas é o seguinte: na Mediateca de Cacheiras de 10:00 a 14:00 horas e nos Tilos de 16:00 a 19:00 horas. Lembrade que os festivos, xoves e venres de Semana Santa, e na fin de semana estarán pechadas.

marcapaxinas