O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Urbanismo tramita un Plan Parcial nos Tilos para erixir 125 vivendas

| compartir:

(EDITADO) O Departamento de Urbanismo do Concello de Teo está a tramitar un novo plan parcial presentado por unha empresa inmobiliaria para un sector delimitado no ámbito do SUND-3, nos Tilos. No Plan parcial, nun sector de 56.775 m², prevense 125 vivendas, en vivenda colectiva, e onde máis do 20% do aproveitamento total vai corresponder a vivenda en réxime de protección pública, unha porcentaxe moi superior á que se establece pola Xunta para o ano 2019 en concellos de máis de 5.000 habitantes.

Melloras das infraestruturas públicas

O Plan parcial establece varias reservas de solo para sistema xeral, entre as que destaca un parque público de 12.624 m², ao carón do rego de Covas. Así mesmo, prevense dúas parcelas de equipamento comunitario. Unha de 1.628 m² que linda co CEIP dos Tilos e coa intención de ampliar o seu patio, dotándoo de terreo arborado. A segunda, de 853 m², situada ao carón do pavillón municipal, coa intención de ampliar a zona de aparcadoiro vinculado a esta dotación.


Como sistema local, á parte de varias zonas de xardín que ocupan unha superficie de 7.574 m², inclúese unha parcela de máis de 1.600 m² destinada a novo equipamento público. O Plan parcial inclúe unha mellora da rede viaria existente na estrada que comunica Os Tilos con Covas, con melloras no trazado e con calzada de dous sentidos e beirarrúas, con liñas de aparcadoiro público con arborado.

Estado da solicitude


A tramitación do Plan Parcial comezou coa solicitude de informe de avaliación ambiental estratéxica simplificada á Consellaría de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, informe preceptivo conforme á normativa vixente urbanística. É importante lembrar que un plan parcial ten por obxecto regular a urbanización e a edificación do solo urbanizable, desenvolvendo o que se establece no Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) mediante a ordenación detallada dun sector.

Exposición pública

En relación con este expediente, o Plan parcial dun sector delimitado no SUND-3 (Os Tilos II), Concello de Teo, a Dirección Xeral de Calidade Ambiental sométeo a avaliación ambiental estratéxica ata o 13/04/2020. Para consultar a documentación podes premer aquí. Ahí pódese consultar o documento así como enviar un formulario de participación. 

 

plan parcial