Teo volve a ser unha das sedes do Festival Atlántica de narración oral

21-02-2020
Atlántica

Festival Atlántica vén de anunciar a programación da súa oitava edición, que se vai celebrar entre os días 11 e 20 de marzo. A presentación tivo lugar esta semana, nunha rolda de prensa na que participaron Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón Ferreiro, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; Mayte Argibay Silva, concelleira de Cultura e Educación do Concello de Teo; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.

Soledad Felloza indicou que “Atlántica non é só Santiago” e o Festival tamén vai estar en “Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns”. Ademais, o 20 de marzo vaise celebrar o Día Internacional da Narración Oral cunha actuación da colombiana Carolina Rueda en Lalín e unha xornada especial na Cidade da Cultura con dúas partes: unha sesión de Ramiro Neira para público infantil e unha conferencia de Antonio Reigosa sobre os quince anos de Galicia Encantada, “unha web que consultamos todos os narradores”.

En Teo contaremos con dúas actuacións dentro da programación do Festival. O xoves 12 de marzo ás 12:45 no IES de Cacheiras celebrarase o contacontos: "Notas breves dunha saudade" con Aline Cântia e Chicó do Céu (Brasil). O sábado 14 de marzo ás 18:00 horas haberá unha sesión aberta ao público na Mediateca do Grilo en Cacheiras. Será unha sesión titulada "Contos sorprendentes" con Sangra Araguas de Huesca. Está indicado para público familiar. 

Contos de acó e de aló

Soledad Felloza aproveitou para anunciar a incorporación a última hora de Lugo ao Festival Atlántica. Na súa quenda, a directora do Festival xustificou a elección da rosa dos ventos como leitmotiv gráfico deste ano pola celebración dos 500 anos da primeira volta ao mundo. Eses ventos van traer agora a Galicia narradores de Brasil, Colombia, Venezuela, Portugal ou Palestina.

Tamén participarán narradores galegos e Felloza quixo facer fincapé na “recuperación de Santi Prego para o mundo da narración”. O recente nomeado aos premios Goya como mellor actor revelación contará xunto a Ghaleb Jaler, a quen Felloza definiu como “contador espontáneo”. Unha figura que Atlántica está a reivindicar e que describe como “esa persoa que sempre que fala está contando e que ás veces é mellor ca os profesionais”.

Grazas á unha colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela vaise producir o encontro de “dúas mulleres bravas” que contarán historias do mar e da montaña: Sandra Araguas, de Huesca, e Charo Pita, unha das narradoras galegas máis experimentadas. Outra novidade deste ano é a sesión de conto, gaita e zumba do sábado 14 de marzo na Praza de Cervantes con Luís Prego e Pablo Díaz. Unha sesión pensada como unha gran festa ao aire libre, para maiores e cativos, co aliciente engadido das tapas atlánticas que prepararán os bares da zona.

Outra actividade subliñada por Felloza é a colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e co seu director, Casiano Mouriño, que este ano recunca no Festival cun espectáculo baseado no clásico ‘O gato con botas’ e que está creado expresamente para a ocasión.

Tampouco quixo esquecer o encontro de “tres ventos” no Teatro Principal: o venezolano Rubén Martínez, os brasileiros Aline Cântia e Chicó do Ceu e o salmantino Fernando Saldaña. E unha das citas clásicas do Atlántica, a Gala Inaugural, que este ano terá como fío condutor a música de Marcelo Dobode.

Felloza anunciou que a Cornamusa de Honra deste ano vai dedicada para a editorial Galaxia, que celebra 70 anos amosando o traballo de autores e autoras galegas e que é “outra fonte da que bebemos os contadores”. E rematou a súa intervención reivindicando “a narración oral como unha arte”, salientando que é “a única arte escénica que está presente todos os días do ano nalgún lugar de Galicia”. Malia esta vitalidade, Felloza sinalou a importancia de seguir gañando novos públicos, especialmente na mocidade.

Na súa intervención, Mercedes Rosón salientou o labor do Festival Atlántica nestes oito anos como “encontro de voces e historias que suma a tradición oral e a cultura atlántica” e no que respecta a Santiago, amosou a súa satisfacción por acoller as galas inaugural e de clausura no Teatro Principal así como as actividades deseñadas para escolares que se desenvolverán en múltiples puntos do concello: colexios, centros sociais, aula de pediatría do hospital, Centro Xove da Almáciga e Igrexa da Universidade.

Pola súa banda, Xurxo Couto destacou que grazas ao Festival, “Galicia convértese nun punto de encontro do conto”. Xa que “Atlántica continúa a estender as súas redes a Galicia enteira” e ademais “pasa a auga salgada do océano e chega a Brasil, Colombia... e tamén se mete cara ao interior con presentacións de Zamora, Huesca, etc.”

A información sobre os artistas deste ano xa está publicada na web do festival (http://festivalatlantica.gal/) .