O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Sanidade pecha perimetralmente o Concello de Teo, xunto cos de Santiago e Ames

| compartir:

(Actualizado a 31 de outubro de 2020) A Xunta publica no DOG do sábado 31 de outubro a ORDE do 30 de outubro de 2020 pola que se establecen determinadas medidas de prevención como consecuencia da evolución da situación epidemiolóxica derivada do COVID-19 nos concellos de Santiago de Compostela, Ames e Teo. 

Podes consultar a orde completa premendo aquí

Na citada orde determínanse novas restricións igualando a situación de Teo á de Santiago e Ames. O máis destacado é o que atinxe á hostalaría a partir do artigo 3 do Anexo.

3. Establecementos de hostalaría e restauración.

1. Os restaurantes non poderán superar o cincuenta por cento da súa capacidade na zona de comedor para o servizo de comida.

Nos bares e cafetarías non se poderá consumir no interior do local.

2. O consumo dentro do local nos restaurantes poderá realizarse unicamente sentado na mesa, ou agrupacións de mesas, e deberase asegurar o mantemento da debida distancia de seguridade interpersoal entre clientes. Non está permitido o consumo na barra e na zona de cafetaría ou bar.

3. As terrazas ao aire libre dos establecementos de hostalaría e restauración limitarán a súa capacidade ao cincuenta por cento das mesas permitidas no ano inmediatamente anterior con base na correspondente licenza municipal ou no que sexa autorizado para este ano, no caso de que a licenza sexa concedida por primeira vez.

Consideraranse terrazas ao aire libre todo espazo non cuberto ou todo espazo que, estando cuberto, estea rodeado lateralmente por un máximo de dúas paredes, muros ou paramentos.

No caso de que o establecemento de hostalaría e restauración obtivese o permiso do concello para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, poderase incrementar o número de mesas previsto no primeiro parágrafo deste número 3, respectando, en todo caso, unha proporción do cincuenta por cento entre mesas e superficie dispoñible e sempre que se manteña o espazo necesario para a circulación peonil no tramo da vía pública en que se sitúe a terraza.

4. En todo caso, deberá asegurarse que se mantén a debida distancia de seguridade interpersoal entre as mesas ou, de ser o caso, agrupacións de mesas. A ocupación máxima será de cinco persoas por mesa ou agrupación de mesas, e deberán ser todas elas conviventes. A mesa ou agrupación de mesas que se utilice para este fin deberá ser acorde co número de persoas e permitir que se respecte a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas.

5. Os establecementos de hostalaría e restauración deberán pechar non máis tarde da unha da madrugada, sen que se poida permitir o acceso de ningún cliente desde as 00.00 horas. No caso de que estea en vigor unha limitación da liberdade de circulación das persoas en horario nocturno, os clientes deberán abandonar o establecemento antes da hora de comezo da limitación.

6. As medidas contidas nos números 3, 4 e 5 serán tamén de aplicación ás terrazas dos establecementos de lecer nocturno.

As medidas publicadas este sábado entran en vigor ás 00:00 do 1 de novembro e teñen unha vixencia inicial de 14 días.

Ademais disto segue vixente o peche perimetral do Concello xunto cos de Santiago e Ames e a prohibición de estar con xente coa que non se conviva agás nas actividades permitidas (laborais, administrativas, escolares..)

O dato de casos activos de Covid-19 en Teo este sábado 31 é de 75 casos, dous máis ca onte situándose nunha tasa de incidencia de 404 casos por cada 100.000 habitantes, unha cifra moi preocupante e que nos últimos días non deixou de medrar. As medidas están encamiñadas a minimizar a relación social e manter só contacto coas persoas coas que se convive para poder conter o nivel de contaxio e de incidencia da enfermidade.

 

A continuación podes ver a información publicada o venres 30 de outubro cando se decretou o peche perimetral do Concello.

Sanidade anunciou esta mañá o peche perimetral do Concello de Teo, xunto cos Concellos limítrofes de Santiago e Ames. Segundo lle informaron ao alcalde de Teo, Rafael Sisto, este peche dos tres conxuntamente permitirá moverse entre os tres termos municipais sen ter que xustificar o motivo. Este peche entra en vigor ás 15:00  horas de hoxe venres 30 de outubro. Segundo indicou o Conselleiro de Sanidade, en rolda de prensa esta mañá, as medidas revisaranse a partir do próximo martes 3 de novembro. Fóra destes tres Concellos non se poderá saír ou entrar sen unha causa xustificada.

O decreto do estado de alarma do Goberno central establece que se pode volver á residencia habitual, polo que calquera veciño/a de Teo que estea fóra do municipio pode entrar en calquera momento.

En Teo entra en vigor unha nova restrición. Dende hoxe as reunións só poderán ser con persoas convivintes. Esta medida afectará a toda Galicia ao pasar a nivel 3. Non está vinculada co peche perimetral que se aplicará nos próximos días.

A incidencia da Covid en Teo continúa aumentando. O dato de positivos do que se informa hoxe é de 73, cun incremento de casos diarios nos últimos días que fai que a incidencia por cada 100.000 habitantes se sitúe xa nos 350. A OMS establece que unha incidencia a partir de 250 por cada 100.000 habitantes é moi preocupante.

Dende o Concello polo momento non se conta con máis datos que dos que informou Sanidade aos medios de comunicación.

Sen embargo pídese calma e responsabilidade. Está nas nosas mans "ser creativos para poder levar esta situación do mellor xeito e non tirar de creatividade para saltarnos as normas". As novas medidas veñen avaladas pola decisión do comité científico que asesora á Xunta de Galicia e segundo destaca o alcalde "como explicamos sempre, imos apoiar as normas impostas con criterio científico e con lealdade institucional".

Nos últimos días os datos de positivos en Teo viñan empeorando, algo previsible vendo que en Santiago e Milladoiro xa había maiores restricións dende hai semanas e aínda así o impacto do virus non diminúe. Agora toca ser responsable co que podemos facer cada un/unha no noso ámbito persoal.

A Xunta publica no DOG  do 30 de outubro o decreto coas novas restricións no que se anuncia o peche perimetral. Podes consultalo premendo aquí

Sanidade informa do número de casos activos en Galicia. Podes consultalo premendo aquí

covid