O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.
O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.
As parroquias de Rarís, Reis e Teo manteñen viva en Teo a tradición do Entroido dos xenerais da Ulla. O Entroido máis madrugador será en Rarís o domingo 9 de febreiro. As comparsas e o “exército” de xenerais e correos percorrerán a parroquia durante toda a xornada para rematar co atranque no campo da festa á tardiña.
O demo de Reis sairá capitaneando os coros, xenerais, correos e carrozas da súa parroquia na fin de semana do sábado 15 e domingo 16. Durante os dous días percorrerán os lugares da parroquia rematando nas dúas xornadas co atranque no campo da festa.
Teo pecha este ano a celebración do entroido no Concello o sábado 22 coa presenza do pai mala lingua, unha personaxe propia desta parroquia. O Entroido dos xenerais da Ulla contan coa declaración de Festa de Interese Turístico da Xunta de Galicia e atraen numeroso público, sobre todo no momento dos atranques.
Benvida no mercado
E como aperitivo o Mercado do alimento labrego dos Tilos celebra o 8 de febreiro unha festa de benvida ao entroido tradicional dos xenerais da Ulla. Na praza circular dos Tilos poderanse degustar petiscos típicos destas datas e os/as máis pequenos/as da casa poderán participar nun obradoiro con Títeres Cachirulo a partir das 12:00 horas para o que non é preciso anotarse.
Concurso de fotografía
Os oito concellos nos que está presente o Entroido rural e tradicional dos Xenerais da Ulla convocan este ano un concurso fotográfico dixital co obxectivo de fomentar a participación e dinamización desta festa, un dos recursos etnográficos máis importantes da bisbarra e declarado Festa de Galicia de Interese Turístico desde o ano 2013. As fotografías deberán representar o Entroido de calquera dos oito concellos que participan neste evento: Boqueixón, A Estrada, Santiago de Compostela, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces. O concurso premiará as mellores instantáneas, as máis divertidas, as máis espectaculares e orixinais realizadas por calquera persoa en calquera momento da celebración desta tradición.
As fotos deben reflectir a idiosincrasia deste Entroido tradicional, tendo en conta os diversos elementos que o conforman, como poden ser as máscaras dos diferentes elementos, os Xenerais, Correos, Abandeirados, os Coros, etc., resaltando a perspectiva de xénero e idade dos participantes. Anímate a participar co teu móbil ou coa túa cámara de fotos e comparte con nós a túa experiencia nesta festa! Consulta as bases completas na web (http://xeneraisdaulla.com/index.php/gl/concurso-fotografico), onde atoparás a información detallada.