O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A piscina municipal dos Tilos abre o sábado 25 de xullo

| compartir:

A piscina municipal dos Tilos abre por fin ao público este 25 de xullo. Este ano esta instalación abre con bastante retraso sobre o calendario de anos anteriores por mor das obras e reparacións que tiveron que realizarse para poder abrir con garantías. 

Segundo explican dende a área de Deportes as revisións técnicas realizadas despois do verán pasado detectaron a necesidade de facer traballos de mellora desta infraestrutura deportiva. A  obra  deseñada inicialmente buscou mellorar  a  estanqueidade  do  vaso da piscina evitando fugas. Os traballos, cun orzamento de preto de 25.000 euros, consistiron  en eliminar as boquillas de impulsión do chan e substituílas por outras na parede frontal da piscina. Ademais colocouse unha lámina termosellada no vaso que funciona como un forrado para evitar a entrada de calquera filtración. Este mesmo sistema tamén se colocou na  zona  de  rebosadoiro  que  rodea  o  perímetro da piscina.

Ademais dos traballos no vaso dende a Concellaría de Deportes decidiuse ampliar a zona de praia, atendendo a unha demanda veciñal reiterada.  Decidiuse  retirar  o  peche  e  gañar  case 800 metros cadrados ademais de deixar dentro do perímetro pechado unha zona de árbores que axudarán a dar sombra no verán. As obras dividíronse en dúas fases, realizando unha parte a final do ano pasado e outra nesta primavera. Unha vez rematadas estas actuacións, cando se comezou a preparar a piscina para a apertura, detectáronse novos problemas no sistema de filtrado da piscina o que obrigou a realizar novos traballos de reparación e consecuentemente retrasou a apertura da instalación.

Abono

O abono para as piscinas descubertas pódese mercar na piscina municipal da Ramallosa. 

A continuación poden ver a información sobre o prezo dos abonos. Para a utlización das piscinas descubertas as persoas non abonadas poden mercar unha entrada por día cun custe de 2,5 euros. Os abonos de verán dan dereito a entrada e recibir cursos en xullo e agosto e teñen as seguintes cotas: 

  • Cota única por abono de verán xove (12-24 anos): 14€. Nesta modalidade, o titular deberá acudir acompañado por un dos seus pais o primeiro día, que cumprimentará unha autorización responsable.
  • Cota única por abono de verán adulto (25-64 anos): 17€
  • Cota única por abono de verán familiar: 27€ Considérase como unidade familiar a formada pola parella ou polos proxenitores e os fillos e fillas menores de 18 anos. No abono de verán familiar poderán integrarse os fillos e fillas comprendidos entre os 18 e 25 anos, que convivan no domicilio familiar e se atopen realizando estudos oficiais ou en situación de paro, mediante unha cota de 8€ (6,61€ sen IVE) que se sumará ao custe do abono familia.

Están exentos de pagamento:

  • As persoas que posúan abono da piscina municipal cuberta de Teo en calquera das súas modalidades.
  • As familias que presenten a tarxeta do paro de todos os seus membros.
  • Os maiores de 65 anos (a 1 de xuño de cada tempada), presentando o DNI.
  • Os menores de 5 anos (a 1 de xuño de cada tempada), presentando o libro de familia
  •  Aquelas persoas que teñan a condición de pensionistas ou aquelas cuns ingresos familiares que non superen 1,5 veces o IPREM. Neste suposto, xustificarán a súa condición diante do departamento de Servizos Sociais do Concello de Teo, que emitirá un informe.

Para obter o carné de abonado das piscinas municipais descubertas deberán entregarse, nas oficinas administrativas da piscina municipal cuberta da Ramallosa, os datos identificativos da persoa e os da situación familiar ou dos Servizos Sociais, se fosen precisos. Os abonados de verán poderán acceder ás instalacións da piscina cuberta da Ramallosa (só a zona de piscina), os días que, estando en período de funcionamento as piscinas descubertas, estas non se poidan utilizar por inclemencias meteorolóxicas. Esta incidencia será indicada mediante aviso na entrada das instalacións descubertas.

Para mercar o abono de verán non é preciso levar foto, realízana na piscina da Ramallosa. Hai que levar DNI, libro de familia e certificado de estudos ou a xustificación de estar no paro no caso de solicitar esa exención. 

Máis información sobre o prezo das piscinas na ordenanza reguladora do prezo público pola utilización das piscinas municipais

Normas para o uso das piscinas exteriores municipais

Na nova normalidade os usos dos espazos públicos comunitarios deben seguir unhas normas. Ademais de lembrar a hixiene de mans recomendadas e o distanciamento social dende a área de Deportes do Concello infórmase das normas de uso das piscinas exteriores de Luou e Os Tilos para esta tempada de verán 2020. 

Tanto a piscina de Luou coma a dos Tilos terán unha distribución en parcelas. Na nova normalidade tamén debemos observar algunhas indicacións para que o desfrute da instalación se poida realizar con seguridade.  

  • Os obxectos persoais deben estar dentro do perímetro da parcela
  • Non pode haber uso de hamacas
  • Non haberá préstamo de prensa
  • Non haberá apertura de bibliopiscina e préstamo de libros
  • A zona de zona de vestiarios estará pechada
  • Haberá cartelería informativa 

A limpeza e desinfección diaria estará reforzada. Ademais haberá cartelaría informativa sobre a hixiene e prevención. E lémbrase non acudir ás piscinas con síntomas compatibles coa Covid-19 así como abandonar a instalación ante calquera síntoma. 

O acceso de persoas menores de 15 anos farase cunha persoa adulta que pode entrar cun máximo de catro menores. A venda de entradas individuais farase baixo a presentación do DNI.


 

piscina Tilos