O roupeiro municipal volve a funcionar e pide doazóns de roupa e persoas voluntarias

05-10-2020
jeans

O roupeiro municipal volve a funcionar despois de que se interrumpira a súa actividade dende a declaración do estado de alarma en marzo. Nos últimos días o concelleiro de Benestar, Ignacio Iglesias, mantivo unha xuntanza co persoal voluntario que leva a organización do roupeiro para que este volva a estar operativo, tanto para a entrega de roupa como para a recollida. 

Os usuarios que precisen roupa poderán utilizalo a partir do 15 de outubro, xa que nestes primeiros días de outubro estarán ordenando e colocando o material. Os días de entrega serán os xoves de 16:00 a 18:00 horas e haberá que facelo con cita previa no teléfono dos servizos sociais, 981809707, ou no correo servizossociais@teo.gal. As familias poderán ir en intervalos de media hora. 

Entrega de material

As persoas que queiran donar roupa poden entregala no soto do Auditorio Municipal Constante Liste. Dende o roupeiro solicitan doazóns de roupa e calzado para poder atender a demanda. O concelleiro tamén destaca a necesidade de novas persoas voluntarias. As persoas interesadas en colaborar terían que ter dispoñibilidade os xoves de 16:00 a 18:00 horas ou os mércores de 10:00 a 12:00 horas. Se queres facerte voluntario/a escribe a voluntariado@teo.gal e indica os teus datos así como a túa dispoñibilidade.