O Concello remata a zona de pernocta de autocaravanas no Xirimbao

06-08-2020
Xirimbao

Dende a área de Turismo estívose traballando nun espazo singular do Concello como o Xirimbao nas últimas semanas. Neste caso estívose rematando a zona de estacionamento e pernocta de autocaravanas. Neste lugar xa se realizara un espazo para o estacionamento de catro autocaravanas grazas a unha subvención da Deputación da Coruña. Este verán estívose facendo fosa estanca para o depósito de augas negras. Esta obra rematouse nos últimos días e deste xeito os turistas que se acheguen en autocaravana poderán baleirar augas negras e grises. Este investimento, asumido con fondos propios, estivo algo por riba dos 10.000 euros. Este espazo no Xirimbao é o único do Concello cunha zona habilitada para este tipo de vehículos.

Iria Otero, concelleira de Turismo, explica que neste momento "este tipo de turismo está en auxe en parte pola situación que vivimos este ano e pensamos que esta infraestrutura no Concello era importante". O Xirimbao conta tamén con aseos públicos, toma de electricidade e auga así como unha illa de contedores de lixo. Ademais destes servizos ten unha ampla zona de merendeiro ao carón do Ulla, que o fan un espazo de esparcemento moi coñecido e visitado por veciños de toda a Comarca.