O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O alumnado de Teo escollerá os mellores versos de Rosalía

| compartir:

O luns 24 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, en conmemoración do seu nacemento. Por iso, a Concellaría de Lingua do Concello de Teo está a preparar unha serie de actividades para traballar coa comunidade escolar sobre a figura e a obra da nosa escritora máis universal.

A principal acción que se vai realizar incluirá a promoción dunha votación de versos de Rosalía de Castro entre o alumnado dos centros de ensino públicos do municipio. Unha votación na que escollerán os dous que máis lles gusten mediante un sistema de pegado dun adhesivo nun mural deseñado para a ocasión, que estará visible nun espazo do centro na semana do 3 ao 7 de febreiro.

Unha vez se escollan os versos por parte do alumnado, procederase ao pintado destes en diferentes pasos de peóns distribuídos polo concello, preferentemente próximos ás zonas de uso da comunidade escolar, nas datas próximas ao Día de Rosalía, o 24 de febreiro.

Este ano, a actividade promovida polo Servizo de Normalización Lingüística do Concello conta coa colaboración para desenvolvela dos equipos de Normalización Lingüística dos distintos centros de ensino públicos municipais e foi acordada nunha reunión previa.

O obxectivo desta campaña impulsada dende o Concello de Teo é visibilizar a obra da autora mediante unha intervención en espazos públicos e render homenaxe á figura da escritora padronesa no día do seu aniversario.

Rosalía no teatro 

Dende o departamento de Cultura municipal tamén poñen en valor a figura de Rosalía coa preestrea da obra de teatro Rosalía o 5 de febreiro ás 12:30 horas no Auditorio Constante Liste para os alumnos e alumnas de 6º de primaria dos centros escolares da localidade. A obra fala da Rosalía nena, e explica como a infancia é o lugar onde medran as poetas: entre a rebeldía, as lecturas, a curiosidade, o xogo e as cancións con rimas e sen autor. 

Rosalia