Deportes arranca o programa anual de sendeirismo Carreiros de Teo

03-09-2020
Carreiro setembro

A Concellaría de Deportes programa rutas de sendeirismo para todos os meses do ano. En setembro arranca esta programación que nos permitirá coñecer un pouco mellor o Concello. Doce meses para doce carreiros por Teo que agardemos que se convirtan en paseos habituais para moitos deportistas.

Ignacio Iglesias, concelleiro de Deportes, explica que “dende a concellaría queremos ofertar actividade deportiva fóra dos deportes reglados e pensamos que este tipo de rutas nas que o camiñante pode decidir o seu propio ritmo e esforzo son ideais para introducir ou manter a práctica deportiva”. O sendeirismo ten ademais a vantaxa de que precisa moi pouco equipamento e permítenos desfrutar do entorno natural máis próximo sen custe máis alá do coidado do mesmo que todos/as temos que ter presentes.

A primeira ruta será o 20 de setembro ás 10:30 horas baixo o título O teito de Teo. Esta ruta percore un pequeno val que vai dende o alto de Luou, a beira de Loureiro, baixando ate Rial do Mato en Rarís, chegando ao lado de Berxaus e Rumille en Carcacía. O punto de saída será a intersección da estrada de Bustelo a A Grela, coa pista que entra en Loureiro.

Os carreiros de Teo realizaranse nunha mañá da fin de semana e serán percorridos de dificultade baixa ou media de entre 2 e 3 horas de duración. A data de cada ruta publicarase a primeiros de cada mes nas redes sociais de Deportes e será preciso anotarse enviando un correo electrónico a deportes@teo.gal ou chamando ao número 981.815.700.

Ao longo do ano os carreiros de Teo levarannos a lugares destacables do Concello de Teo coma o mirador da Grela, a beria do Ulla ao Sar, a fervenza do Tella e tamén permitirán lembrar cuestións históricas coma a Batalla de Cacheiras ou o Camiño Francés.