O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Clausúranse as escolas culturais municipais con contido en liña

| compartir:

A finais de maio remataron as Escolas Culturais 2019-2020 que este ano contaron con 138 alumnos e alumnas. Como ben sabemos, aguantaron o desafío do estado de alarma e da corentena e continuaron o seu desenvolvemento durante estes meses a través de clases en liña, mediante plataformas dixitais, con vídeos titoriais, ou en emisión en directo noutros casos. Cada unha no seu formato acadou sobrevivir e manter as clases dentro dunha normalidade adaptada a esta situación. Chegamos a xuño e procedemos como facemos todos os anos as súas clausuras, pero neste caso tamén en versión dixital pola situación que vivimos.

Hoxe mostramos a particular clausura de cada unha delas, revisando o traballo realizado durante o curso ou os logros conseguidos. Dende a Concellaría de Cultura agradecen enormemente ao profesorado e a todo o alumnado o esforzo  que tiveron que facer para adaptarse a esta situación así como o ben que o fixeron para poder manter a formación das Escolas Culturais a flote nestes tempos tan complicados que nos toucou vivir.

ESCOLA DE ARTES PLÁSTICAS: No obradoiro de Artes Plásticas traballaron este curso unha programación baseada en personaxes da TV, cine e da banda deseñada, e fixeron visitas como é costume a pinacotecas e centros de arte. Neste vídeo amósannos unha pequena demostración do traballo realizado tanto antes do confinamento como durante o confinamento, nas escolas de Tras do Eixo e de Ameneiro que contan cun total de 58 alumnos e alumnas que van dende os 3 anos aos 70. Vamos aquí coa súa clausura:

https://www.youtube.com/watch?v=5Xqh7o5FFUw&feature=youtu.be

ESCOLA DE GUITARRA: Este obradoiro que contou este ano cun total de 27 participantes continuou o seu curso en harmonía, rasgueando e punteando dende a casa nestes últimos meses. Amosamos  por grupos o traballo que nos envían a modo de clausura:

  1. GRUPO 1: Mostramos unha versión dunha parte da banda sonora do "Señor dos aneis", concretamente a parte da "Comarca" onde viven os hobbits, interpretada na guitarra por algúns dos integrantes do primeiro grupo das aulas de guitarra. Seguimos sentíndonos en compañía, aínda que estábamos na casa e aquí vai unha proba disto: https://youtu.be/d_L2Z3NLS5E
  2. GRUPO 2: O grupo 2 das aulas de guitarra decidiu pechar coa canción "Cumpreanos feliz", así que aquí vai unha versión de guitarra para que felicitedes ás persoas que cumpran anos neste verán e envíanvos apertas e moito ánimo: https://youtu.be/5LbUzq-LGfU
  3. GRUPO 3: O grupo 3 das aulas de guitarra de Teo para a clausura decidiu  interpretar a canción Every Breath You Take de Sting. Unha das cancións mais bonitas e escoitadas da historia do pop. Di a canción: "I´ll be watching you".  Por agora só podemos vernos, mais pronto nos poderemos dar apertas de novo. Namentres quédanos a música: https://youtu.be/nAKgcnGeMBo
  4. Grupo 4: Pechamos co grupo máis veterano coa canción Scarborough Fair, popularizada por Simon e Garfunkel na película "O Graduado", e na nosa terra por Luar na Lubre co título "Romeiro ao Lonxe". Neste vídeo é interpretada polo cuarto grupo das aulas de guitarra das Escolas culturais de Teo 2019-20. Scarborough fair que é unha canción popular inglesa de autor descoñecido: https://youtu.be/9S6lTz2S5LU


ESCOLA DE PROGRAMACIÓN: No obradoiro de programación participaron un total de 12 rapaces e rapazas nas Aulas Desafíos de robótica, e que trasladaron as súas clases presenciais da Aula de Teo a clases en liña, videotitoriais e cadernos. Boa mostra do seu esforzo está recollido neste pequeno vídeo onde se resume o traballo realizado neste formato de clases: https://www.youtube.com/watch?v=nuhyZ0rMPhk&feature=youtu.be

ESCOLA DE DANZA: O obradoiro de danza contou con 16 participantes que continuaron durante os meses de marzo a maio as clases en liña na casa a tempo real o cal resultou unha oportunidade nova para ser máis creativas e multidisciplinares que nunca, e de explorar novos achegamentos ao corpo, ao espazo e a ao movemento. Segundo as verbas da súa monitora o traballado neste terceiro trimestre supera calquera obxectivo posible da actividade ademais de experimentar cousas novas como corpo- espazo e cámara. Que o baile non pare!

https://youtu.be/q-kG14o0wDs

ESCOLA DE TEATRO: O Obradoiro das aulas de Teatro de adultos contou neste curso con 2 grupos nos que participaron un total de 25 alumnos e alumnas. Foi toda unha experiencia nova trasladar os ensaios dos escenarios ás casas a través da conexión en liña, para continuar as clases e para non perder o efecto do directo nin o ritmo dos ensaios. Pero como sempre acadárono, co bo facer dos seus directores teatrais e o compromiso do grupo.  E boa proba disto é este magnífico traballo que nos envían a modo de broche final para a clausura deste atípico ano. Agardamos que vos guste: https://youtu.be/ln7hBOTsC-0

 

 

escolas culturais