O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Abre o prazo para o Teo Madruga 2020-21 e para o servizo Teo Madruga Tilos 2

| compartir:

O Concello abre este venres 28 o prazo de inscrición no ‘Teo Madruga 2020-21’. Este é un servizo de conciliación laboral e familiar no que poderá participar o alumnado dos centros públicos escolares do municipio. Desenvolverase nos colexios de Calo, A Ramallosa e Os Tilos, con actividade desde as 7:30 horas ata o inicio das clases.

O programa planificará o servizo tendo en conta as medidas preventivas anti COVID-19, necesarias durante o presente curso. Ademais contará con persoal monitor que, durante o tempo de lecer, desenvolverán actividades de videoteca e biblioteca, xogos cooperativos, xogos de mesa, e exercicios deportivos e de lecer. A intención é aproveitar este tempo antes das clases de maneira lúdica e pedagóxica.

As persoas usuarias teñen as opcións de utilizar o ‘Teo Madruga’ de maneira fixa, discontinua ou ocasional. Quen acuda de maneira fixa, todos os días, deberá pagar unha cota mensual de 40 euros con servizo de gardaría e de 50 euros con gardaría e almorzo. O uso discontinuo, con días soltos de maneira estable, terá un custo do 25 % para cada día da cota que correspondería do prezo mensual se se utilizase todos os días. E o uso ocasional, en días puntuais, ten un prezo de 3,50 euros por día con gardaría e de 4 euros se se opta por gardaría e almorzo.

Exencións e bonificacións

O Concello atenderá as circunstancias de cada unidade familiar para outorgar posibles exencións ou bonificacións nas cotas do servizo. Contémplase unha exención total para casos nos que un informe do departamento municipal de Servizos Sociais indique a necesidade do servizo e a imposibilidade de afrontar o seu custo.

 En canto ás bonificacións, para a participación de varios irmáns de maneira simultánea, establécense descontos do 25% para o segundo irmán e sucesivos. Nas familias cunha renda per cápita igual ou inferior ao 50% do IPREM anual, a bonificación será do 50%. Se están nun rango igual ou inferior ao 75% do IPREM, o desconto da cota será do 25 %. E no caso de familias numerosas, que o acrediten co correspondente título legal, a bonificación será tamén do 25%.

As persoas usuarias que opten por unha utilización fixa do servizo, unha vez solicitada a alta, ten que ingresar a cota mensual no prazo de dez días. As cotas mensuais posteriores deberán pagarse nos dez primeiros días naturais de cada mes. Se se produce unha solicitude de alta despois do día 15 dun dos meses do curso, a primeira cota sería reducida á metade.

Acceda aquí á convocatoria completa coas follas de solicitude, as cales debe rexistrar no Concello de Teo. A documentación complementaria pode remitila a cim@teo.gal ou entregarllo persoalmente ao persoal do servizo.

Servizo de acompañamento ao mediodía nos Tilos

Por outra banda o Concello tamén asume, a petición da Anpa, o servizo de acompañamento dos nenos dos Tilos en horario de 14:00 a 15:30 horas. Este servizos pasa a chamarse Teo madruga Tilos 2 e para poder usalo hai que presentar a solicitude coma no caso do Teo madruga.  

Podes acceder ás follas de solicitude premendo aquí

Para máis información, pode chamar ao CIM no teléfono 981 938 475.

Teo Madruga