O xulgado denega a Toysal as medidas cautelares que pretendían impedir o acceso ao expediente da canteira

12-06-2019
canteira

Toysal tentou impedir, vía xudicial, que o Concello de Teo puidese acceder ao Plan de restauración da concesión Casalonga nº 6996, o plan de labores da concesión e o documento de seguridade e saúde da mesma. O xulgado vén de denegarlle as medidas cautelares solicitadas pola empresa, que buscaban que a administración local non puidese acceder á documentación que obra en poder da Consellería de Minas.

Uxía Lemus, concelleira de Urbanismo en funcións, solicitaba a Minas no mes de marzo o acceso ao expediente Casalonga número 6996 (plan de restauración, plan de laboreo e documento de seguridade e saúde). Dende o Servizo de Enerxía e Minas emítese unha resolución favorable ao envío desta documentación ao Concello. Sen embargo Toysal recurre xudicialmente esta resolución favorable da Xunta e pide medidas cautelares para que ese acceso á información non se produza.

Tanto Concello coma Xunta defenden no Xulgado que se responda á solicitude da Concelleira de Urbanismo e se facilite a documentación. O Xulgado Concencioso administrativa número 1 da Coruña emite un auto no que desestima a medida cautelar solicitada por Toysal, confirmando o dereito que ten a administración local a ter acceso ao expediente.

Consulta aquí o auto xudicial.

Dende o Concello remitirase de novo un escrito a Minas reclamando o acceso á documentación en base ao citado auto xudicial.

Paralización da actividade

En relación con este tema o Concello de Teo solicitou a finais de abril á Dirección Xeral de Minas como órgano competente, a inmediata paralización das actividades da empresa Toca Salgado S.L. (Toysal), nos terreos do dereito mineiro "Casalonga número 6996", pola falta de autorizacións necesarias para as mesmas, coforme á normativa en vigor. 

Consulta aquí o escrito solicitando a paralización da actividade.

Arquivos