O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Festival Atlántica leva a Teo os contos de Sofia Maul e Maricuela

| compartir:

Un ano máis, a colaboración entre o Concello de Teo, a Deputación da Coruña e o Festival Atlántica vai achegar ata o municipio as historias deste encontro internacional de narración oral. Desta volta, as artistas Sofia Maul e Maricuela van ser as responsables de levar os contos os días 14 e 16 de marzo en dúas actividades gratuítas.

A primeira delas vai ser o xoves, 14 de marzo, e consistirá nunha función exclusiva para o alumnado do IES de Cacheiras que estará protagonizada por Sofia Maul. Baixo o título de ‘Chapéus há muitos e amores também!’, os estudantes deste centro, que ten unha sección de lingua portuguesa, van ter a oportunidade de se achegaren á tradición oral lusófona da man dunha das súas contadoras máis reputadas. Maul adoita incluír no seu repertorio historias de Madeira, a súa illa natal, que reflicten a idiosincrasia deste cachiño de terra no medio do océano.

No relativo ao sábado, Maricuela chegará disposta a arrincar a gargallada con ‘Historias de risa sen présa’. O espectáculo vai ser na Biblioteca Pública Municipal do Grilo, a partir das 18 horas, e terá entrada de balde ata completar aforo. Nesta función Maricuela vai ser quen de probar que hai un conto para cada momento e para logralo vaise valer de palabras, obxectos, monicreques, poemas, libros, cantos e contos.

Con voz de muller

Sofia Maul (sofiamaul.wixsite.com/contadora) é unha contadora que exerce como tradutora e terapeuta da fala, principalmente con cativos xordos e plurilingües en Madeira. É cofundadora da asociación cultural sen ánimo de lucro Os Contabandistas, un grupo moi activo na promoción da narración oral como forma de arte performativa contemporánea. Ademais, é cofundadora do festival Terra Incógnita, e en setembro do 2016 organizou coa asociación Xarabanda o primeiro festival de narración oral de Madeira, EVA, Era uma vez no Atlántico.

Maricuela (www.maricuela.com) é o nome artístico de María Molina García, unha licenciada en Belas Artes e diplomada en Xornalismo que desde o ano 1992 traballa profesionalmente no eido do clown, o teatro corporal e a narración oral. Ademais, tamén imparte obradoiros de teatro e clown e de narración, escribe en revistas especializadas sobre literatura e narración e ten publicados varios álbums infantís.

AXENDA FESTIVAL ATLÁNTICA 2019 | TEO

Espectáculos con invitación gratuíta que debe retirarse previamente

XOVES 14 DE MARZO

“‘Chapéus há muitos e amores também!’”. Sofia Maul (Madeira, Portugal)

12.45 h| IES Cacheiras | En portugués | Alumnado do centro

SÁBADO 16 DE MARZO

“Historias de risa sen présa” | Maricuela (Teruel)

18.00 h | Biblioteca Pública Municipal do Grilo | En castelán | Todos os públicos

Atlántica

Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron espallando polos camiños do mar. Toda a información relacionada co programa e cos artistas pódese consultar na web http://festivalatlantica.gal.

maricuela