O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Nace Delas Fest, o primeiro festival de arte urbana feminista de Europa

| compartir:

Galicia será o epicentro do primeiro festival feminista de arte urbana e contextual de Europa. Delas Fest, organizado por 7H Cooperativa Cultural, desenvolverase entre o 9 e o 15 de decembro en distintos espazos da comarca de Santiago coa participación de sete creadoras feministas que, desde diferentes disciplinas, sensibilidades e enfoques empregan o espazo público como soporte de expresión e ámbito de intervención política. Teo será un dos lugares no que se van realizar actividades desta novidosa iniciativa. 

Delas Fest conta co apoio da Concellaría de Igualdade de Teo, ademais dos Concellos de Santiago, Ames, a Deputación da Coruña e aspira en converterse nun referente internacional que sitúe a Galiza na vangarda da arte urbana diversa e con perspectiva de xénero a través dun programa de actividades que combina intervencións artísticas, obradoiros de creación e faladoiros con profesionais do sector.

A versátil e multifacética Btoy (Barcelona, 1977), artista contextual que utiliza desde carteis e estarcidos a colaxe e pintura plástica en obras principalmente protagonizadas por mulleres; a fotógrafa e socia fundadora do Colectivo 4F Lorena Cosba (Huesca, 1979), interesada na fotografía experimental e na reutilización e intervención de obxecto encontrado a través de instalacións; a grafiteira e activista animalista Vegan Bunnies (Perú-Catalunya), integrante do colectivo The Hate Lovers, que loita polo apoderamento da muller no sector; e o Dúo Amazonas, conformado polas artistas e activistas visuais Natalia Andreoli (Bos Aires, 1992) e Lina Castellanos (Bogotá, 1990) quen entenden o muralismo coma un exercicio de autoreflexión, diálogo e intercambio co territorio e as súas habitantes, integran o cartel de creadoras de recoñecido prestixio no panorama feminista da arte de rúa que deixarán a súa pegada en distintos espazos da comarca compostelá.

Xunto a elas, tamén participarán en varios espazos destinados ao diálogo e o intercambio de experiencias do Delas Fest a curadora, produtora de eventos de arte urbana portuguesa e fundadora do proxecto LATA 65 Lara Seixo (Covilhã, 1971), a multidisciplinar e irreverente artista viguesa Lupita Hard (Caracas, 1993), e a ilustradora e muralista coruñesa Iria Fafián (Sitges, 1988), quen achegarán a súa experiencia sobre a presenza das mulleres na arte urbana.

O cuestionamento radical do discurso historiográfico hexemónico, que continúa a subestimar e invisibilizar a traxectoria e obras das mulleres artistas, aínda minoría en festivais e grandes citas da disciplina, atópase na base no festival, xurdido como continuación do premiado programa artístico-educativo Elas tamén Pintan, iniciado en 2017 por 7H Cooperativa Cultural.

Co obxectivo de afondar na aposta pola reescritura da historia da arte urbana con perspectiva de xénero e desde a acción colectiva deste proxecto, Delas Fest procura construír un espazo de encontro no que analizar as desigualdades presentes no sector e fomentar redes que faciliten unha igualdade efectiva a través dun programa de actividades repartidas entre Ames, Teo e Compostela. Nestes concellos, as artistas traballarán en colaboración directa con distintas asociacións e colectivos, encargados de achegar ás participantes á historia e idiosincrasia de cada espazo a intervir co obxectivo de que o resultado final non resulte alleo nin á poboación nin ao contexto dos distintos territorios.

Programación

O programa de actividades do festival, comisariado pola historiadora da arte e especialista en xénero e creación contemporánea Clara Rodríguez Cordeiro (Ourense, 1983), está integrado por tres intervencións artísticas, que desenvolverán Btoy, Lorena Cosba e Dúo Amazonas, e dous obradoiros de creación. Un deles, de carácter especializado, destinarase a mulleres artistas doutros ámbitos creativos -coma a ilustración ou as artes plásticas- e será impartido por Vegan Bunnies, quen realizará unha aproximación á arte de guerrilla como ferramenta que democratiza a expresión e intervención no espazo público. O segundo taller, dirixido á mocidade da comarca interesada en iniciarse na arte urbana, desenvolverase baixo a dirección de 7H Cooperativa Cultural co obxectivo de facilitar referentes, ferramentas e técnicas creativas ás mulleres máis novas.

Como colofón ao festival, realizarase unha xornada de encontro interdisciplinar e interxeracional entre as artistas, as participantes dos obradoiros, as asociacións e colectivos implicados, mulleres profesionais, programadoras de festivais de arte urbana e entidades do sector así como toda persoa interesada na disciplina. Nela terán lugar dous faladoiros -un con Vegan Bunnies e outro con Lara Seixos- e unha mesa de experiencias, na que participarán Lupita Hard e Iria Fafián, ademais do resto de participantes no evento.

Comité de xénero

Co fin de garantir a rigorosidade da proposta artística do festival, dos procesos creativos xurdidos no mesmo e dispoñer da asesoría e apoio especializado, o festival conta cunha comisión de xénero integrada por Patricia Porto Paderne, educadora social e responsable da libraría feminista Lila de Lilith; Marián Mariño Costales, Técnica de Igualdade do Consello da Cultura Galega; Xoana Almar, muralista e socia da cooperativa Cestola na Cachola; e Eva Agra, ilustradora feminista, autora de Mulleres Bravas da nosa historia e socia de 7h Cooperativa Cultural. As catro colaboraron na conformación da proposta artística do festival a través da asesoría na selección de participantes, na elección de espazos a intervir e na implicación dos colectivos de cada municipio.

Os horarios, datas e espazos de cada actividade concretaranse nos próximos días.

delas fest