O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Teo e Ames reúnense coa Xunta para avanzar na proposta de liña circular Teo-Ames-Santiago

| compartir:

A semana pasada a concelleira de Mobilidade de Teo, Conchi García, e o concelleiro de Urbanismo, Obras Públicas e Servizos Básicos de Ames, Blas García, reuníronse en Santiago co Subdirector Xeral de Planificación da Xunta, Héctor Presas. A finalidade deste encontro foi avanzar na proposta da liña circular Teo-Ames-Santiago feita no pasado mes de marzo. Dende a Xunta de Galicia declararon a súa intención de incluír esta liña circular no proceso de licitación das novas liñas de transporte metropolitano encadradas no mapa concesional do Transporte Metropolitano Galego, previsto para o primeiro trimestre do 2019.

Representantes dos Concellos de Teo e Ames tiveron unha xuntanza a semana pasada con membros da Consellaría de Infraestruturas. O principal obxectivo de dito encontro foi avanzar na proposta da liña circular Teo-Ames-Santiago, antes da licitación das novas liñas de transporte metropolitano encadradas no mapa concesional do Transporte Metropolitano Galego. O representante autonómico amosou boa disposición a asumir as demandas dos dous concellos en relación ás rutas que unen os seus núcleos urbanos, o que melloraría a mobilidade transversal de dous municipios da coroa da Comarca.

Un proxecto común para a mellora da mobilidade metropolitana

A proposta de reformulación do servizo, concibida colectivamente polos dous Concellos, ten como obxectivo abordar algunhas das melloras necesarias, que ata o de agora foron imposibles de implementar debido as actuais condicións contractuais, marcadas cando as necesidades de mobilidade eran outras. A nova proposta inclúe a creación de novas trazados, frecuencias e franxas de servizo.

O actual servizo, que é prestado por varios operadores diferentes, ten orixe no concello de Santiago e percorre o leste do concello de Ames e o oeste do concello de Teo. Os operadores que prestan o servizo na zona son: Hedegasa -operador principal-, Monbus, Hermanos Ferrín e Arriva Noroeste. Ademais, algúns destes servizos están concibidos como longa distancia, xa que comunican localidades como Ribeira, Vigo, Pontevedra ou Boiro co concello de Santiago e que, ao seu paso polos concellos de Ames e Teo, complementan o servizo disposto para estes.

Porén, tanto o Concello de Teo coma o Concello de Ames precisan dun novo deseño no servizo de transporte público, que responda ás necesidades dunha poboación en constante crecemento, a cal precisa maioritariamente dunha boa comunicación entre os seus núcleos máis poboados e tamén con Compostela. Deste xeito, o novo proxecto concretaríase nunha liña circular xurdida do actual servizo que nace na rúa da Rosa, en Santiago, e que despois de pasar polo Milladoiro percorre a parroquia de Calo e finaliza o seu servizo en Luou. A nova liña de trazado circular proseguiría por Cacheiras e Os Tilos dirixíndose novamente a Santiago.

Incremento de 9.000 usuarios/as potenciais

O novo trazado pode comunicar, polo tanto, a unha poboación de a redor de 30.000 veciños dos concellos de Ames e Teo, tanto entre si como co centro do concello de Santiago, o que incrementaría significativamente o número total de potenciais usuarios, ao incrementar en 9.000 as veciñas e veciños beneficiados pola prolongación da liña.

No tocante aos horarios,a nova proposta mantén os actuais para os días laborais. Non obstante, a reformulación do servizo incrementa, durante as fin de semana, un par de servizos de ida e volta pola mañá, franxa horaria que actualmente non conta con oferta. Ademais, este servizo de disposición circular contaría con dous sentidos de circulación, un con saída no sentido Intermodal – Teo – Ames – Intermodal e outro no sentido Intermodal- Ames – Teo – Intermodal.

Servizo municipal en Teo

Na xuntanza a concelleira de Teo, Conchi García, preguntou sobre a publicación oficial dos trazados das distintas liñas que se licitarán no 2019, co obxecto de poder reformular o servizo da liña municipal, optimizando os recursos dispoñibles e mellorando as actuais prestacións. Dende a Xunta indicouse que a previsión é que a publicación sexa no primeiro trimestre de 2019.

teobus

Arquivos descargables

Attachment Size
Proxecto parcial Teo-Ames.pdf 576.3 KB