O XURADO DO PREMIO LITERARIO MODESTO FIGUEIREDO OUTÓRGALLE O PREMIO A ADOLFO CAAMAÑO COA OBRA "PIN BALL DO POMBAL"

11-01-2016
teo

O premio nacional de narracións curtas Modesto R. Figueiredo xa ten gañador. Trátase de Adolfo Caamaño Vázquez, de Pontevedra, que acadou o premio deste certame literario coa obra Pin Ball do Pombal

. Así o acordou o xurado reunido este pasado sábado en Teo. O certame está convocado pola Fundación Pedrón de Ouro e o Concello de Teo colabora nesta edición con esta iniciativa.

Na XLI edición do premio Modesto R. Figueiredo presentáronse corenta e cinco orixinais e ademais do primeiro premio, dotado con 1.000 euros, tamén se recoñeceu o valor doutras tres obras. O primeiro accésit foi para a obra Sagradas escrituras do autor Diego Giráldez (O Porriño-Pontevedra) e o segundo para a obra presentada como Monsieur Bocskai da que é autor Lionel Rexes (Alfoz-Lugo). No caso destas mencións a dotación económica é de 400 euros. O xurado tamén tomou en consideración a narración A primeira pedra para a súa publicación pero sen dotación económica.

 

A entrega dos premios farase en Teo o venres 22 de xaneiro. O xurado estivo formado por Mercedes Queixas en representación da AELG; Eli Ríos en representación do Pedrón de Ouro; X. M. Regueira en representación do Concello de Teo; Manuel Guede en representación do Pen Clube de Galicia; X. R. Fandiño como presidente do Pedrón de Ouro e David Otero secretario do Pedrón de Ouro e do xurado.

 

O certame de narracións curtas Modesto R. Figueiredo é o premio literario máis antigo e consolidado de Galicia xa que este ano supera as corenta edicións e para o Concello de Teo supón unha honra poder colaborar nesta convocatoria.