O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O PROGRAMA DE PARTICIPACIÓN TEO DECIDE RECIBE MÁIS DE 60 PROPOSTAS PARA SENDAS PEONÍS QUE SE AVALIARÁN NUN FORO ABERTO

| compartir:

O programa Teo decide: camiños seguros é a primeira iniciativa de participación cidadá impulsada polo Concello de Teo. E os resultados iniciais de participación non poden ser máis positivos. Segundo explican o concelleiro de participación cidadá, Ignacio Iglesias, e a concelleira de urbanismo, Uxía Lemus, nesta primeira parte do programa xa se acadou unha alta participación e recolléronse máis de 60 propostas veciñais de sendas. O 12 de marzo na Casa do Concello celébrase un Foro aberto entre as 10:30 e as 13:00 horas de onde sairá un mapa de prioridades.  

Durante as últimas semanas estívose traballando neste programa e convocáronse tres reunións abertas ás que se convidou ás asociacións do Concello. "Participaron nos encontros ó redor de 25 asociacións, unha cifra moi significativa" explica Ignacio Iglesias. Posteriormente abriuse un período de recollida de propostas por medios electrónicos. Finalmente o número de sendas propostas nas reunións foron 28 e a través de correo electrónico 38.

Iglesias destaca que se comezou por esta temática "conscientes da realidade de Teo e de que para a veciñanza a necesidade de camiños seguros é unha prioridade". Adiantou ademais que "esta é unha primeira experiencia pero o Teo decide chegou para quedar, e poder plantexar outras temáticas nas que nos resulta fundamental a implicación da xente na toma de decisións" explica o edil. 

O Teo decide tamén ten outra característica interesante, é un programa transversal, xa que lle afecta a varios departamentos do Concello que tiveron que traballar coordinadamente. Pola súa banda a responsable de urbanismo, Uxía Lemus, destaca que o resultado do programa "vainos dar un mapa a longo prazo dos principais trazados de comunicación peonil prioritarios para a veciñanza". "Queríamos coñecer directamente cales son aqueles nudos de comunicación entre núcleos con máis interese para a xente e á vista da recollida de información conseguímolo" explica a concelleira.

Dende a área encargada de obras lémbrase que existe o compromiso de executar un 30% do investimento en sendas para os próximos anos segundo os datos de prioridades obtidos neste programa de participación cidadá. No caso de que as demandas se refiran a vías provinciais ou autonómicas enviarase a proposta ás administracións responsables.  

Nos últimos días convidouse ás asociacións ao Foro Aberto do 12 de marzo ao que tamén animamos a asistir a calquera persoa interesada no tema. Aínda que non é obrigatoria se queren confirmar a asistencia poden enviar un correo electrónico a teodecide@concellodeteo.com ou nos teléfonos do equipo técnico do proceso: 609.909.564/627.570.943/629.747.336.

teo