O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O CONCELLO REXEITA O RECORTE DE HORARIOS NO TRANSPORTE METROPOLITANO

| compartir:

O Concello rexeita os novos recortes de horario no servizo de transporte metropolitano na liña entre Pontevea e Santiago, tanto o que a empresa pretende aplicar unilateralmente nunha expedición de tarde como a supresión de dúas frecuencias autorizada pola Xunta de Galicia os sábados pola mañá.

A empresa Donado Campos comunicoulle ao Concello a intención de suspender o servizo que sae da estación de autobuses de Santiago ás 17:30 horas todos os días laborais. Trátase dunha decisión unilateral, sen o respaldo de ningunha Administración, xa que o goberno de Teo consultou o tema coa Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta, que negou ter autorizado a suspensión deste servizo.

 

Ademais, tamén se comunica que si se aprobou por parte da administración autonómica a eliminación de dúas frecuencias os sábados pola mañá. Deste xeito, os servizos que ata agora saen desde Pontevea ás 8:50 horas e ás 10:20 horas unifícanse nun só ás 9:20 horas. E á vez suprímese o que sae desde a estación de Santiago ás 9:15 horas. Este cambio efectúase mediante unha autorización de contrato o ano pasado, se ben para o Concello resultou visible agora ao recibir a notificación expresa.

 

A concelleira de Transportes de Teo, Conchi García, asegura que a supresión da frecuencia de tarde “sería contraria ao contido da harmonización do corredor Pontevea-Santiago aprobada pola Dirección Xeral de Mobilidade”. E os recortes no servizo do sábado “contrastan co plan de optimización que desde o Concello presentamos en Mobilidade o pasado 29 de abril, solicitando o aumento no número de expedicións na fin de semana e o aumento da franxa horaria na que se presta o servizo durante os días laborais, entre outras melloras”.

 

García explica ademais que as melloras propostas polo Concello e proxectos como a posta en marcha da liña circular interior no municipio están supeditadas a que se solucione a situación actual dos contratos de transporte, vencidos tras unha sentenza do Tribunal Supremo que invalidou a prórroga de numerosas concesións de transporte en autobús. “Esta situación administrativa non permite as modificacións dos servizos para a súa mellora, pero tampouco para a súa deterioración”, argumenta a concelleira de Teo.

 

Tanto o recorte que quere introducir a empresa como o autorizado pola Xunta supoñen un considerable prexuízo para a poboación do corredor da AC-841, con núcleos tan importantes como os da Ramallosa, Cacheiras ou Montouto. O Concello de Teo insistirá en defender o aumento de expedicións nun servizo que considera necesario para garantir a mobilidade da poboación, en especial das persoas que o precisan para a súa actividade laboral.

 

Horarios de verán

Por outra parte, desde mañá, 1 de xullo, ata o 31 de agosto, a liña entre Pontevea e a estación de Santiago deixa de prestar os servizos considerados lectivos no cadro de harmonización da Xunta aprobado a finais de 2014. Por iso, suspéndense temporalmente as expedicións que saen de Pontevea ás 7:45, ás 17:00 e ás 20:30 horas, así como as que saen de Santiago ás 13:30 e ás 21.15 horas. Estes servizos estarán de novo operativos o 1 de setembro.

bus Teo