O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

MÁIS DE VINTE POSTOS PARTICIPAN NA FEIRA LOCAL DE SEGUNDA MAN ESTE SÁBADO NA RAMALLOSA

| compartir:

O Concello de Teo xa ten confirmada a presenza de máis de 20 postos para a feira de segunda man que se celebra este sábado 12 de decembro no pavillón Ezequiel Mosquera da Ramallosa. Ademais de numerosos postos de particulares está confirmada a presenza dos colectivos Teenses pola Igualdade, ARCOS Tilos, Aspamite e Mulleres Rurais de Teo, como vén sendo habitual en todas as edicións desta feira.

Neste momento aínda é posible anotarse para participar no evento. Para facelo só hai que pórse en contacto co departamento de participación veciñal nos seguintes números de teléfono: 981 909 707 ou 981 815 700. O horario da feira será de 12:00 a 14:30 horas e de 16:00 a 20:00 horas. Está previsto que haxa animación para os/as máis pequenos/as dende as 13:00 horas. Tamén actuará o grupo Alvariza ao mediodía e ás 18:00 horas teremos os Contos e cantos do bardo Abelardo.

 

A feira local de segunda man xuntará postos nos que se poderán atopar xoguetes, roupa, pezas de menaxe ou decoración, libros… Trátase dunha cita, moi preto do nadal, no que se poden atopar agasallos a prezos reducidos. A idea desta xuntanza é “darlle unha nova vida e utilidade a produtos que xa non teñan aproveitamento para os seus propietarios/as” indica o edil Ignacio Iglesias.

 

O sábado tamén estará na feira o roupeiro municipal e poderanse facer aportacións ao Banco Veciñal de Alimentos de Teo. A participación na feira non ten custo e pretende servir de apoio ás asociacións participantes.

teo