O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

ENTRÉGASE O PREMIO LITERARIO MODESTO R. FIGUEIREDO ESTE VENRES NO CONCELLO DE TEO

| compartir:

O Concello de Teo acolle este venres 22 de xaneiro a entrega do premio da XLI edición do certame nacional de narracións curtas Modesto R. Figueiredo. O escritor Adolfo Caamaño convertiuse en gañador coa obra Pin Ball do Pombal e recollerá este recoñecemento, dotado con 1.000 euros, o venres nun acto ás 19:00 horas no salón de plenos do Concello, na Ramallosa. Trátase dun certame organizado polo Pedrón de Ouro co que este ano colabora Teo na organización.

Neste acto público de entrega de premios tamén se darán os dous accésits elexidos polo xurado. O primeiro a Diego Giráldez pola obra Sagradas escrituras e o segundo accésit a Lionel Rexes pola narración Monsieur Bocskai. Ambos están dotados con 400 euros.

 

O acto deste venres contará coa presenza do presidente do Pedrón de Ouro, X. R. Fandiño, así como do alcalde de Teo, Rafael Sisto, e a concelleira de Cultura, Pilar Faxil. Na entrega de premios tamén está convidada a viúda de Modesto R. Figueiredo. Da parte musical encargarase o grupo de gaitas da AC A Mámoa de Luou e o grupo de pandereteiras Aldomir, tamén da Mámoa. 

 

O xurado desta edición estivo formado por Mercedes Queixas en representación da AELG; Eli Ríos en representación do Pedrón de Ouro; X. M. Regueira en representación do Concello de Teo; Manuel Guede en representación do Pen Clube de Galicia; X. R. Fandiño como presidente do Pedrón de Ouro e David Otero secretario do Pedrón de Ouro e do xurado. Nesta edición presentáronse corenta e cinco orixinais.

 

O certame de narracións curtas Modesto R. Figueiredo é o premio literario máis antigo e consolidado de Galicia xa que este ano supera as corenta edicións e para o Concello de Teo supón unha honra poder colaborar nesta convocatoria.

teo