O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A CONCELLARÍA DE CULTURA RECUPERA AS ANDAINAS NOCTURNAS PARA COÑECER OS PETRÓGLIFOS DE TEO

| compartir:

A concellaría de Cultura de Teo, dirixida por Pilar Faxil, recupera neste mes de setembro as andainas nocturnas para coñecer e pór en valor os petróglifos teenses. En colaboración co colectivo a Rula están programadas dúas rutas nocturnas guiadas para os próximos días 19 e 26 de setembro.

As persoas interesadas en participar nesta actividade gratuíta teñen que anotarse chamando ao Departamento de Cultura no teléfono 981 815 700. En cada unha das andainas hai 70 prazas dispoñibles e a inscrición farase por rigurosa orde de inscrición. Segundo explican dende o colectivo a Rula visitaranse as dúas estacións do Río Angueira (Cornide-Calo) e as 3 do Outeiro do Corno (Regoufe-Luou). As visitas realízanse pola noite porque a escuridade permite a proxección de luz artificial sobre os paneis, xerando efectos de luces e sombras que realzan os sucos das figuras.

O punto de encontro para os roteiros é a capela de Cornide (N42º 48.379´  W8º 36.068´) ás 21:00 horas. Dende alí irase ata a Casa Grande de Cornide onde se dará unha charla introdutoria sobre a arte rupestre prehistórica na comarca e sobre a propia ruta. Nesta nova edición dos roteiros, que xa se fixeran hai dous anos, tamén se lle fará unha homenaxe a Ramón Sobrino Lorenzo- Ruza, co gallo do 100 aniversario do seu nacemento.

Podedes consultar a ruta da primeira andaina nocturna no wikiloc do colectivo a Rula Ruta da 1ª Andaina nocturna ós petróglifos teenses.

Axenda cultural de setembro

 

Por outra banda na oferta cultural do Concello para setembro haberá teatro, música, contacontos e para os máis pequenos volverán os Axóuxeres. Coincidindo coa celebración dunha proba do campionato de mundo de Trial en Teo os días 11, 12 e 13 de setembro están programados dous concertos. A banda de gaitas de Calo tocará o 11 ás 19:00 horas na Praza dos encontros da Ramallosa e o sábado 12 ás 17:00 horas ofrecerá un concerto a banda de música de Calo no mesmo lugar.

O venres 18 na biblioteca dos Tilos haberá cun contacontos con Sarabela Teatro dende as 18:30 horas. Na mesma urbanización o venres 25 teremos a Peter Punk co seu espectáculo de malabares e humor dende as 18:30 horas. 

Rematando o mes, o domingo 27 de setembro ás 12 horas chegan os Axóuxeres a Teo, a  festa da música dos xogos e das palabras, un encontro para a xente miúda da casa, de 0 a 6 anos. A entrada ao espectáculo será de balde con reserva previa ata completar capacidade. As reservas deben realizarse por teléfono no número 697 363 089 de luns a venres en horario de 10 a 13 horas desde a semana antes da sesión.

Todas as actividades da programación cultural do Concello son de balde e dende Cultura agradécese a colaboración dos asistentes achegando algún produto para o Banco Veciñal de Alimentos (leite, conservas…)

teo