O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

AVANZA A CONSTRUCIÓN DUNHA NOVA SENDA PEONIL EN LUOU

| compartir:

O Concello de Teo avanza na construción dunha senda peonil en Luou, para incrementar a seguridade viaria no tramo de 460 metros entre a igrexa parroquial e a intersección da estrada de Calo. Esta obra culmina un proxecto do que forman parte outras catro sendas e que supuxo un investimento duns 130.000 euros, financiados dentro do Plan de Obras e Servizos (POS) 2015 da Deputación.

A concelleira de Urbanismo de Teo, Uxía Lemus, explica que a intervención en Luou estase vendo favorecida polo tempo solleiro dos últimos días, despois de que hai unhas semanas os técnicos aconsellaran pospoñer a obra por mor das dificultades que a chuvia ocasionaba para dispoñer o formigón.

 

A nova senda ten unha anchura mínima dun metro, nos puntos nos que a estrada e os condicionantes do terreo impiden que sexa máis ampla. Contará con canalizacións para recoller a conducir as augas pluviais e a superficie estará cuberta con formigón coloreado, especialmente indicado para este tipo de sendas.

 

As demais sendas xa acometidas neste proxecto que o Concello de Teo incluíu no POS 2015 son a que comunica Vilanova con Recesende (140 metros de lonxitude), a situada entre Augas Mansas e Sisto (350 metros), a que une a estrada AC-841 (Santiago-A Estrada) desde Cacheiras ata o campo de fútbol da Cañoteira (350 metros) e a de Solláns ata Cabovila (600 metros de longo).

 

Eliminación de barreiras

Uxía Lemus indica que as sendas peonís estanse executando de maneira que presenten o menor número de barreiras arquitectónicas posible, e favorecer así a súa utilización por parte de persoas con algún tipo de discapacidade ou que porten carricoches para bebés. Neste sentido, o Concello xa retirou dos traxectos das sendas postes de titularidade municipal, pertencentes ao servizo público de alumeado. E tamén está en negociacións coa compañía distribuidora de electricidade para a reubicación de postes que afecten ao itinerario peonil.

 

Novos proxectos

O Concello ten previsto acometer nos vindeiros meses, tamén con financiamento dun plan provincial, a senda que lle dará continuidade á xa existente en Cacheiras para chegar ata o IES. Coa nova infraestrutura, completarase un circuíto peonil de máis de 1.600 metros de longo, que comunica a localidade co campo de fútbol e co centro académico, entre outros lugares e equipamentos.

 

A medio e longo prazo, o goberno de Teo planifica a construción de novas sendas en distintas parroquias. Para iso, prepara melloras no formato actual deste tipo de infraestruturas. Tanto o deseño dos traxectos como as características das sendas atenderán, na medida do tecnicamente posible, as preferencias e suxerencias amosadas pola veciñanza no proceso de participación cidadá que se desenvolveu a principios deste ano.

senda luou