O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

PRETO DE 80 RAPACES E RAPAZAS DE TEO, AMES E NEGREIRA PARTICIPAN NUNHA XORNADA DE FORMACIÓN DO CLUB DE DEBATE

| compartir:

Os Concellos de Teo, Amese Negreira presentarán nove equipos de escolares, que cursan estudos de educación secundaria e bacharelato, á quinta edición do Club de Debate. Esta iniciativa busca traballar na mocidade conceptos como a comunicación, a oratoria, a tolerancia e o pensamento crítico, ao tempo que fomenta o uso oral lingua en contextos formais e informais. O alumnado e o profesorado inscrito no Club de Debate asistiron a unha xornada de formación que serviu de punto de partida para a fase clasificatoria de zona, que se celebrará no concello de Negreira o vindeiro 8 de abril. 

Galicia pode vivir do sector primario, este será o tema sobre o que debaterán os equipos de escolares que participen este ano na fase clasificatoria de zona do Club de Debate. Oitenta estudantes de institutos dos tres concellos participarán nesta fase que se realizará no auditorio de Negreira o vindeiro 8 de abril. O Club de Debate é unha iniciativa impulsada dende os servizos de Normalización Lingüística municipais na que nesta edición participan 11 concellos: Ames, O Carballiño, Carballo, A Coruña, Ferrol, Narón, Negreira, Pontevedra, Rois, Santiago de Compostela e Teo. Leva xa cinco cursos organizándose de xeito cooperativo e coordinado entre varios concellos e cunha moi boa acollida dentro da comunidade escolar.

 

Antes da fase clasificatoria de zona do Club de Debate, realízase unha xornada formativa para todo o alumando participante. Esta xornada realizouse hai poucos días, no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns. Nela participaron todos os equipos anotados de Teo, Ames e Negreira. Esta é unha das zonas con maior participación no certame, xa que se presentarán 9 equipos, formados por un total de 80 estudantes e 7 profesoras e profesores. De Ames participan 6 equipos (1 do IES do Milladoiro e 5 do IES Plurilingüe de Ames, situado en Bertamiráns), 2 equipos do IES Xulián Magariños de Negreira e 1 equipo do IES de Cacheiras de Teo.

 

 

Xornada de formación práctica e participativa

A actividade, que durou toda a mañá, centrouse en formar e preparar os equipos para o certame en técnicas de expresión oral e habilidades sociais e comunicativas. Tamén se deron a coñecer as normas, tempos, estrutura… da dinámica de funcionamento do certame, co obxectivo de favorecer a posta en situación por parte dos equipos participantes. A maiores diso, abordáronse técnicas de busca de información, preparación de argumentos e roles, posicionamentos a favor e en contra... Foi tamén unha xornada de convivencia entre mozos e mozas de diferentes concellos e localidades e a primeira oportunidade para que uns equipos interactuaran con outros.

 

A xornada de rematou cunha simulación de debate por equipos. Nesa simulación, os equipos prepararon en pouco tempo e defenderon nun animado debate argumentos a favor e en contra sobre a idoneidade ou non dos deberes escolares.

 

Fase clasificatoria de zona en Negreira

Esta actividade serviu para darlle ferramentas ao alumnado e ao profesorado para preparar a súa intervención na fase clasificatoria de zona que terá lugar no auditorio de Negreira o vindeiro 8 de abril. Os dous equipos gañadores deste primeiro enfrontamento participarán, xunto cos gañadores das outras zonas, na fase final do Club de Debate, o 30 de abril, en Pontevedra. O tema da final galega será: En galego hai un mundo de cousas boas.

 

A participación no Club de Debate busca incentivar entre os máis novos/as o emprego da lingua, traballar a fluidez comunicativa a través da oratoria ademais de incitar o pensamento crítico e a tolerancia. Está dirixido aos escolares de 3º e 4º da ESO, de 1º de Bacharelato e dos ciclos formativos.

teo