O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Clia recada 1.600 euros a favor de Ucraína

| compartir:

O FoPIA rematou a súa actividade anual coa celebración do Consello Local de Infancia e Adolescencia o pasado mes de xuño. Durante todo o curso lectivo o grupo de nenas, nenos e adolescentes xuntáronse unha media de dúas veces ao mes para formarse, reflexionar, debater e realizar propostas en materia de cambio climático, da man do persoal da empresa Feitoría Verde. Debido á irrupción da guerra en Ucraína relacionaron as causas do conflito bélico tamén con factores climáticos e decidiron facer unha Campaña de recadación de fondos. Ademais de recoller fondos a través de diferentes entidades asociativas e particulares de Teo, organizaron un mercadillo de segunda man no Festeo o pasado 4 de xuño. A cantidade recadada acadou un total de 1608 € e ingresarase na conta bancaria de ACNUR. Tal e como contaron na última xutanza deste curso do CLIA os conflitos bélicos teñen relación co cambio climático porque teñen que ver co reparto dos recursos naturais e con factores territoriais e xeográficos. Por iso, propuxeron a vida en comunidade e compartir os recursos naturais como solucións para evitar as guerras e tamén a destrución do medio ambiente.

Outras actividades das que deron conta son as realizadas sobre a temática da conciliación dos tempos escolares, familiares e de ocio, e que forman parte do proxecto CONLecerTeo, un proxecto realizado grazas ao Convenio asinado entre o concello de Teo e o grupo SEPA da USC o ano pasado. Así, unha vez analizados os 573 cuestionarios que a propia rapazada se encargou de pasar nos centros educativos de Teo e no instituto de Cacheiras entre abril e maio de 2021, este curso reflexionouse sobre ditos resultados e decidiron tamén como dalos a coñecer á veciñanza de Teo. É por iso, que este Consello Local tivo un carácter aberto e á que se convidou expresamente aos centros educativos, centros de saúde, e outras entidades asociativas relacionadas coa infancia e coa conciliación.

Na exposición dos resultados as participantes no proxecto quixeron destacar as diferencias de xénero no reparto dos tempos, indicando que as rapazas están menos satisfeitas que os rapaces co seu tempo de lecer e din ter menos tempo libre. Beatriz Martínez, explica que pensan que é debido á maior presión social que reciben as rapazas, teñen máis responsabilidades e espérase máis delas. Ademais, a diversidade de actividades que realizan as mulleres é maior que as dos homes, polo que as porcentaxes son menores. As actividades máis practicadas por rapaces son os deportes e videoxogos (31,8% fútbol, 21,8% deporte, 39,1% videoxogos), mentres que as rapazas mencionan en maior medida as redes sociais (16,9%), estar coas amizades (16,9%) e a lectura (16%).

  • En xeral, a medida que se avanza de curso diminúe o tempo libre e a satisfacción co mesmo. A excepción é 3º ESO, que ten unha carga de materias e traballo menor respecto 4º ESO. Pensamos que ese curso non está ben organizado.
  • A medida que se avanza de curso, aumenta a percepción de obriga das actividades extraescolares. Pensamos que esta obriga non sempre é imposta externamente, senón que moitas veces se trata dunha autoobriga, xa sexa por non abandonar algo no que se leva moito tempo ou por continuar cunha tradición familiar.
  • O 38,6% indica que a dispoñibilidade dos familiares afecta ao tempo de ocio. Depéndese dos familiares para os desprazamentos, porque Teo é un concello moi disperso.
  • O interese e a participación nas actividades de ocio no concello de Teo diminúe nos últimos cursos da ESO. Cando máis maiores somos, máis nos apetece estar ao noso aire e poder organizar os nosos propios plans. As cousas organizadas e planificadas non nos gustan tanto.

Tras a análise e debate arredor dos resultados fixeron unha serie de propostas. Algunhas delas están relacionadas con propostas que xa saíran do FoPIA.

  1. Para facilitar que a infancia e adolescencia de Teo poida moverse de forma autónoma e segura queremos:

    1. Unha rede de transporte público do concello con novas paradas, que comunique todas as parroquias.

    2. Mellora da sinalización e estado de estradas e novas sendas ciclables, para poder ir en bicicleta, patinete ou andando.

  2. Crear un espazo propio ao que se poida chegar de forma autónoma no que poder reunirse, con actividades, pero tamén espazos libres.

Por último, o Consello contou tamén coa presencia de Andrea Piñeiro, unha das representantes galegas xunto a Irene Iglesias (CLIA de Teo) no Consello Estatal de Participación da infancia e adolescencia, que recentemente puxo en marcha o Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Andrea Piñeiro, informou das actuacións e competencias deste órgano de participación, entre elas a proposta de temática para a celebración do Día Universal da Infancia do vindeiro 20 de novembro.

Ademais da presencia de representantes dos centros educativos, e outras entidades relacionadas coa conciliación familiar contouse coa presencia no acto de Marta Andrade, de UNICEF-Galicia.

 

 

 

Clia