O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Adxudicados os asfaltados en San Domingo e Chaves

| compartir:

Nas próximas semanas asfaltaranse os viarios municipais de San Domingo (Calo) e Chaves (Lucí). Trátase de obras de mellora moi necesarias incluídas no Plan provincial POS + 2021.

A estrada de San Domingo será executada pola empresa Eulogio Viñal cun orzamento de algo máis de 90000 euros. Mellorarase a capa de rodaxe de case dous quilómetros de lonxitude e case 7000 metros cadrados de superficie. Pola súa banda a obra en Chaves suporá a mellora de algo máis de 700 metros de lonxitude e 3300 metros cadrados en total. Neste caso os traballos serán realizados por Ponciano Nieto por un importe algo superior aos 30000 euros.

Nos dous casos, antes do aglomerado, farase a limpeza de gabias así como a reparación previa das fochancas. Logo farase o recrecemento das tapas de saneamento, sumidoiros e tapas de rexistro existentes, así como a sinalización horizontal e vertical con pintado de liñas e colocación de sinais.

O alcalde, Rafael Sisto, destaca “a importancia de mellora destas vías que deberían estar listas nun par de meses”. Así mesmo tamén explica que as seguintes obras que se van contratar “son o viario na Ínsua en Luou, a estrada de Fornelos en Rarís e a reurbanización do núcleo de Castro, en Calo”.

No Pleno de xaneiro tamén se votarán as obras do POS que se están decidindo cos grupos con representación no Pleno: PP, PSOE e BNG.

Plan de arranxo de fochancas

Pola súa banda a área de Servizos Básicos comeza o ano con dous obxectivos claros e ambiciosos dada a extensión da rede viaria municipal. Ignacio Iglesias, responsable da área, explica que no primeiro trimestre do ano “faremos un plan de reparación de fochancas para atender aquelas necesidades máis urxentes nas estradas locais”. Outro aspecto que se vai atender “é o do asfaltado de accesos a vivendas”.

Neste momento no Concello aínda hai accesos a vivendas sen asfaltar, o que complica moito o mantemento destas vías, sobre todo nos meses de inverno. “Sabemos que Teo ten moita extensión e que non será sinxelo pero consideramos que é imprescindible dar este servizo”, remata Iglesias.

obras