O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Programada a primeira plantación do Bosque Apego

| compartir:

A área de Lingua do Concello de Teo promove que as familias que formen parte do programa Apego e teñan unha crianza menor dun ano planten unha árbore autóctona xuntas. Será o sábado 18 de decembro nun espazo denominado “Bosque Apego”, situado en Nespereira, Luou.

Para levar a cabo esta actividade, o Servizo de Normalización Lingüístico recibiu peticións ao longo do ano, nas entrevistas que mantén coas familias que se achegan para formar parte do Programa Apego, para formar parte desta actividade. Agora, realizarase un novo contacto con estas familias para citalas para o 18 de decembro e facer xuntas a plantación  da árbore que se identificará con cada crianza. Ese será o momento das familias, xa que cada unha, xunto coa súa crianza plantará a árbore seleccionada e esta será identificada co nome da crianza.

Esta nova iniciativa, Bosque Apego, terá unha continuidade no tempo, xa que, cada familia que teña unha nova crianza no Concello e que desexe formar parte do programa Apego, deberá concertar unha breve entrevista co Servizo de Normalización Lingüística na que, ademais de explicar os contidos do programa Apego e de entregar os materiais de benvida deste, se lle agasallará co apadriñamento dunha árbore autóctona. Nese intre, as familias inscríbense na listaxe de interesadas en ser chamadas para a plantación da súa árbore no Bosque Apego.

Esta plantación realizarase en dous momentos do ano, coincidindo coas épocas óptimas de plantación, a comezos da primavera e a finais do outono. Ademais, cada árbore será identificada co nome da crianza que a plantou.

Bosque Apego será un espazo de comunidade, situado nunha leira municipal no lugar de Espasande, na parroquia de Luou, que se acondicionará para a plantación na que as árbores autóctonas e as crianzas serán as protagonistas, xa que cada familia e crianza terán alí plantada un anaquiño da súa identidade.

Bosque Apego é un proxecto que pretende vencellar o apego que cada persoa ten ao contorno natural, social e cultural no que vive, o cal está sempre interrelacionado co contorno lingüístico, para o cal o apego é tamén un sentimento necesario. Ademais será un espazo no que familias e crianzas teenses se relacionarán e terán sempre presente como propio, ao igual que ocorre co idioma.

O programa Apego é un proxecto de socialización en lingua galega para as crianzas nos primeiros anos de vida. Desde el preténdese crear unha comunidade lingüística e favorecer a aprendizaxe do galego con recursos e actividades.

carballo