O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Preséntanse os resultados do estudo sobre o radon en Teo

| compartir:

O Concello de Teo presentou esta mañá os resultados do Informe de radon residencial realizado no Concello de Teo polo laboratorio de Radon da USC, entidade certificada para facer este tipo de medicións en vivendas. A concelleira de Urbanismo, Uxía Lemus, e Alberto Ruano, profesor da USC explicaron o traballo realizado nos últimos meses con medicións en 140 vivendas do Concello as conclusións ás que chegaron ademais de facer recomendacións para evitar a exposición ao gas radon por riba das recomendacións europeas. O gas radon é un canceríxeno pulmonar de orixe natural incoloro, inodoro e insípido e pode alcanzar concentracións de risco para a saúde en aquelas zonas onde haxa moito uranio nas rochas. Case toda Galicia é zona de elevada emanación deste gas.

Lemus destacou que se trata dun estudo innovador e pioneiro que se fixo a través dun convenio coa USC. Deste xeito Teo sitúase no Concello de España con máis medicións por densidade de poboación. Estes últimos meses fixéronse 140 medicións en vivendas unifamiliares de persoas empadroadas en Teo que se sumaron ás que tiñan realizadas dende o Laboratorio. O informe analiza as 212 medicións de Teo que ten neste momento a USC. A concelleira explicou que o interese deste traballo explícase porque a presenza deste gas é unha realidade pero hai que explicar que hai medidas que se poden tomar para minimizar o seu impacto.

Alberto Ruano comezou explicando que Teo é un exemplo a seguir na aposta por facer este traballo de medición en vivendas. O estudo amosa que un 39% dos domicilios analizados teñen uns niveis superiores aos 300 Bq/m3 que é o nivel que non se debe superar segundo as recomendacións da OMS.

O número de medicións por sección censual vai das 9 (sección censual de Campos, Teo, Vilachaíño) ata as 26 medicións (A Ramallosa, Lucí). A media xeométrica máis elevada corresponde ás medicións situadas na sección de Teo, Vilachaíño, mentres que as concentracións máis baixas son para a sección situada nos Tilos. No que atinxe ó porcentaxe de vivendas que superan os 300 Bq/m3 do municipio, hai que destacar que superan o 50% nas seccións de Milladoiro, Galanas, Ameneiro ou Texexe. As seccións con concentracións máis baixas son as de Os Tilos e Cacheiras. Houbo cinco medicións que superaron os 1.000 Bq/m3.

Ruano explica no informte que o Mapa do Concello amosa que as concentracións de radon en Teo son elevadas. Nembargantes, non é unha situación que sexa diferente da atopada na contorna xeográfica da comarca ou de toda Galicia en xeneral. É moi importante salientar que boa parte destas medicións foron voluntarias e dirixidas a persoas residentes en plantas baixas ou primeiras plantas, onde as concentracións de radon son máis elevadas.

É posible que as persoas que desexasen medir o fixesen porque polas características constructivas das súas vivendas pensasen que as concentracions de radon ían ser maiores. Estudos feitos polo LRG en vivendas de toda Galicia atoparon que as concentración de radon son máis elevadas en vivendas de maior antigüidade, un feito que tamén pode influir nos resultados atopados.

Os datos parecen indicar que a concentración de radon parece algo maior nas parroquias do Oeste do Concello (limítrofe con Ames) fronte ás do Leste. Esta iniciativa é un fito importante na medición de gas radon en Galicia, pois supón ata o de agora a iniciativa máis importante no ámbito municipal galego dirixida a facilitar a medición de radon ós habitantes dun concello, para que estes poidan tomar decisións informadas. De feito, na actualidad pódese afirmar que o Concello de Teo é o Concello galego (e case seguramente español) cun maior número de medicións de radon por habitante, con máis dunha medición por cada 100 habitantes, explícase no Informe.

Ruano destacou que no Código Técnico de Edificación xa se recollen medidas de protección contra este gas que se deben atender nas vivendas de nova construción.

Medidas correctoras

No relativo ás medidas correctoras que se poden tomar cando os niveis están por riba das recomendacións Ruano explica que "o idóneo é adecualas á concentración observada". En xeral, se as concentracións son elevadas "recoméndase unha arqueta de succión, que consiste en despresurizar o terreo sobre o que se asenta a vivenda atraendo o radón do subosolo e dende aí expulsalo á atomósfera" indica o profesor. Noutros casos, por exemplo en rehabilitaicóns, poden ser recomendadas láminas antiradon (deben estar aprobadas e testadas para ese fin), que se poñen na parte máis baixa da vivenda e impiden a entrada do gas. Deben estar instaladas por persoal especializado. O selado de gretas e fisuras tamén pode ser efectio. E en casos concretos, os sistemas de ventilación forzada poden ser útiles para reducir a concentración do radón interior. Segundo indican dende o Laboratorio en todos os casos as actuacións deben facerse baixo supervisión e é fundamental volver a medir posteriormente para asegurarse que a intervención foi efectiva.

 

 


 

radon

Arquivos descargables

Adjunto Tamaño
Informe resultados Teo v1.pdf 2.19 MB