O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

A policía local de Teo fixo 152 propostas de sanción durante os estados de alarma

| compartir:

A Policía Local de Teo vén de realizar un estudo estadístico sobre o traballo realizado polos membros deste corpo de seguridade durante os dous estados de alarma decretados por mor da incidencia do virus da Covid-19 no concello de Teo no pasado ano 2020.

As tarefas de vixilancia e control realizadas deron como resultado 152 propostas de sanción, por incumprimento da Lei 4/2015 de Seguridade Cidadá e da Lei 8/2008 de Saúde de Galicia. Dentro deste número de propostas inclúense dúas denuncias por non respectar a corentena sendo persoas positivas por Covid 19.

Destaca tamén o control de vehículos que chegou aos 21.300 entre os dous estados de alarma. 

A policía local de Teo conta neste momento con sete efectivos en activo para unha poboación censada de case 18.900 habitantes. Segundo explican dende o servizo a día de hoxe puidéronse cubrir as demandas xeradas pola pandemia relacionadas coa vixilancia e control do cumprimento da normativa sanitaria segundo as necesidades que ían xurdindo pola evolución da crise sanitaria.

Así mesmo atendéronse 4.600 chamadas telefónicas, relativas a dúbidas e cuestións relacionadas coas distintas situacións derivadas do establecemento de perímetros sanitarios, desprazamentos intermunicipais, establecementos públicos, utilización de máscaras de protección ou reunións entre convivintes e achegados, entre outras.

A policía notou un incremento importante neste tipo de consultas telefónicas neste 2º estado de alarma por mor da continua e variable normativa publicada polas diversas administracións públicas e do notable incremento no nivel de confianza da veciñanza con respecto a Policía Local de Teo. O responsable do servizo destaca que "as 16 publicacións oficiais efectuadas na páxina corporativa do Facebook alcanzaron as 81.848 visitas, con picos de 10.900 visitas nalgunha publicación".

Por outra banda, no segundo estado de alarma apreciouse nos veciños un maior grado de cumprimento da normativa sanitaria, observándose un descenso significativo no número de propostas de sanción formuladas por membros deste corpo. Aínda así detectáronse novas conduta de incumprimento con respecto ao primeiro estado de alarma como foi a aparición dos chamados “botellóns”, tendo que desmantelar seis destas reunións ilegais e formulando as correspondentes propostas de sanción.

En canto ao control da hostalaría, fixéronse controis de aforos exteriores e interiores, control dos horarios de peche e control da distancia de seguridade en terrazas e interiores, resultado en xeral aceptable o grao de cumprimento observado polos distintos locais, salvo casos illados.

Con relación ás denuncias formuladas por infraccións de tráfico destaca un aumento significativo do 1º ao 2º estado de alarma, subliñando os 5 positivos por consumo de drogas e outros 8 positivos por conducir baixo a influenza de bebidas alcohólicas no mencionado segundo período.

A concelleira de Seguridade, Uxía Lemus, destaca "non só a labor punitiva polos incumprimentos da normativa sanitaria, senón tamén a cada vez máis relevante función informativa da Policía Local de Teo, como fonte fiable da normativa a aplicar, para a veciñanza de Teo, incluso con chamadas de veciños de concellos limítrofes".

Así mesmo, sinala que é de resaltar que estas novas funcións incluídas na axenda policial tras o inicio da pandemia, son complementadas co funcionamento normal da Policía Local, no que destaca a atención preferente á seguridade veciñal, sobre todo nas zonas de urbanizacións.

control policía