Máis de 300 vídeos e 50 canles presentáronse xa aos IV Premios Youtubeir@s a vinte días de pechar a inscrición

06-10-2020
Youtubeir@s

A participación rexistrada até o momento supera xa a da edición anterior de Youtubeir@s tanto en número como en variedade e calidade de contidos. A organización agarda que se incremente nas últimas semanas  tal e como vén sucedendo dende que se puxo en marcha este certame de fomento da nosa lingua na Rede.

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames,  O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, recibiron xa dende que se abriu o prazo de inscrición o pasado maio un total de 300 vídeos e 50 canles que competirán nas doce categorías nas que se dividen os galardóns. Así, a participación  superou xa as cifras rexistradas na edición de 2019, ano no que concorreron ao certame 240 vídeos e 31 canles. Dende a organización dos Premios Youtubeir@s, agárdase que estes números aumenten nas últimas semanas de prazo, tendencia que se vén repetindo dende a posta en marcha desta iniciativa. O prazo de inscrición finalizará o vindeiro  23 de outubro de 2020 ás 23.59 h.

 

Dende a organización dos premios, destácase que entre os concorrentes deste ano atopamos un perfil de youtubeir@ máis consistente que xera contidos cunha periodicidade fixa fronte a modelos de anos anteriores, cando participaban vídeos de persoas creadoras non habituais. Ademais, apúntase a un mellor coidado das canles, dos contidos e das redes sociais empregadas polas yotubeir@s xa inscritas. Detéctase, por outra banda, que están a se ampliar as temática tratadas, de xeito que asuntos menos frecuentes en edicións anteriores, como canles para nenos e nenas, o fútbol, os videoxogos ou o trap contan con maior presenza.

7.500 euros en premios.

A cuarta edición dos Premios Youtubeir@s contan con cambios significativos nas súas bases en comparanza con anos anteriores e un incremento da súa dotación económica, que pasa dos 6.500 euros de 2019 a 7.500 euros para repartir nas doce categorías do certame neste ano. O concurso está aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles e/ou vídeos en galego, autoproducidos, subidos a Youtube e que estean publicados con data posterior ao 27 de setembro de 2019. No caso de presentar unha canle, esta debe conter polo menos 5 vídeos, maioritariamente en galego e realizados con posterioridade a esa mesma data. Deste xeito, os Premios Youtubeir@s regresan por cuarto ano consecutivo co obxectivo de animar a creación de vídeos con temáticas e formatos diversos, dende vídeos de deportes, viaxes ou videoxogos até videoblogs políticos ou videoconsellos de moda. Ao tempo, buscan darlles visibilidade tanto á produción en galego como á comunidade creadora e “Expandir a Rede”, como versa o lema deste ano.

Ampliación de  categorías

Unha das grandes novidades desta cuarta edición de Youtubeir@s será a reorganización e ampliación das diferentes categorías. Se en 2019 o certame estaba dividido en oito galardóns, para este 2020 haberá doce diferentes. Así, o concurso contará cos seguintes premios: canle, vídeo, youtubeir@, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. En total, Youtubeir@s repartirá entre as persoas gañadoras 7.500 euros e o palmarés será decidido por un xurado conformado por persoas de recoñecido prestixio.

Premio do Público

Ademais de todo o que o xurado experto seleccione, tamén caberá a opinión xeral do público. Nesta cuarta edición, serán os/as seguidores/as quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer ao Premios do Público. As propostas poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do Proxecto Youtubeir@s, cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e realizaranse antes do 23 de outubro de 2020. Entre o 2 e o 16 de novembro, abrirase a través das redes sociais un formulario de votación. Os tres vídeos que reciban máis votos do público pasarán ao xurado dos premios, que ratificará a votación do público logo de comprobar que cumpre as bases xerais.