O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Publícase a oferta das escolas culturais para o curso 20/21

| compartir:

As escolas culturais repiten a oferta da anterior edición a pesar da dificultade que supón a situación sanitaria causada pola Covid-19. A formación será presencial en todas as escolas e cumprirán coas condicións sanitarias necesarias para poder levalas a cabo en cada momento. No caso de que non se puidera levar a cabo a oferta presencial por causa dalgunha incidencia, seguirían coa formación en liña, tal e como ocorreu no anterior curso.

Continuará, polo tanto a mesma oferta ca no anterior curso, e no Auditorio Constante Liste da Ramallosa realizará a escola de danza contemporánea destinada a un público de 11 a 16 anos, un obradoiro de programación destinado a nenas e nenos de 8 a 12 anos e obradoiro de teatro para persoas a partir de 14 anos sen límite de idade.

A escola de Tras do Eixo e a de Ameneiro acollerán a escola de artes plásticas, que se distribuirá en grupos por idades, sendo a idade máis baixa os 5 anos e con grupos tamén para as persoas adultas interesadas.

Por último, a Casa Común dos Tilos terá o obradoiro de guitarra durante as tardes do martes distribuído por niveis e poderá optar a el toda persoa a partir de 10 anos.

As actividades comezan a primeiros do mes de outubro e prolongaranse ata o mes de xuño, momento no que, como todos os anos, se dará clausura a estas escolas con distintas xornadas de exhibicións e exposicións dos traballos realizados durante o curso.

O prazo de inscrición comezará o 15 de setembro e estenderase ata o vindeiro 23 do mesmo mes, data na que estarán dispoñibles as fichas de inscrición fisicamente na Casa do Concello e a través desta web municipal. As listaxes provisionais publicaranse o 25 de setembro e, a partir de aí, poderá realizar formalización da inscrición liquidando a taxa correspondente á/s actividades mediante a folla normalizada de pagamento ou por transferencia bancaria e enviándoo por correo electrónico a cultura@teo.gal ou entregándoo no Departamento de Cultura.

A matrícula en cada escola terá un custo de 20 euros trimestrais facendo un total de 60 euros por curso completo. Así, o primeiro destes pagamentos debe realizarse do 25 de setembro ao 5 de outubro.

Descarga aquí a ficha de inscrición das escolas culturais municipais

Consulta aquí a convocatoria das escolas culturais nas que podes ir vendo a actualización coas listaxes de admitidos, prazos de pago...

Lembra que tamén se fixeron públicas as escolas deportivas, as cales podes consultar aquí.