O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Concello limpa a carballeira da Tomada cunha superficie de 10.000 metros cadrados

| compartir:

O Concello está limpando a finca da Tomada, na parroquia de Calo, cunha superficie de 10.308 metros cadrados e que ata o momento estaba completamente invadida pola maleza. A carballeira pertencía á igrexa e no convenio marco que se asinou co Arcebispado de Santiago en decembro do 2018 acordouse a compra da mesma para poder recuperar este espazo verde para o uso público. 

O alcalde de Teo, Rafael Sisto, explica que "no último trimestre do ano pasado puidemos formalizar a compra da finca por 60.000 euros, o que se marcaba no convenio e nestes momentos xa estamos facendo a limpeza da mesma". A leira ten un valor na tasación realizada de 118.000 euros e está situada moi preto da igrexa de Calo, concretamente entre a Casa Común Marisa Mirás e o tanatorio de Calo. 

Trátase dunha carballeira moi ampla á que practicamente non se podía acceder. Neste momento unha gran parte do terreo xa está accesible. Os traballos de desbroce estanos realizando dous traballadores forestais contratados cunha subvención da Xunta de Galicia, o APROL rural. Estarán contratados a xornada completa durante un ano e despois de rematar os traballos na Tomada está previsto que realicen diversos traballos de limpeza de camiños tradidionais. Estas tarefas de limpeza están deseñadas dende a área de Desenvolvemento Local e Turismo. 

Na Tomada comezouse rozando a maleza e retiranda hedras de moitos dos carballos aos que estaban danando. Tamén está previsto retirar exemplares de acacias xa que son árbores invasoras e neste entorno búscase manter unha vexetación tradicional. 

Por outra banda o persoal contratado a través do programa APROL tamén está realizando a recuperación de camiños históricos peonís nas parroquias. Comezaron por Lampai limpando o camiño que une a Agrela con Mosteiro pasando polos muíños ó longo do río.

Convenio coa igrexa

O convenio asinado coa igrexa "permite a recuperación de importantes espazos para o público como por exemplo a horta do cura en Luou e neste caso a carballeira da Tomada en Calo" explica Sisto. En Luou estase rematando os traballos de acceso á finca da horta do cura para logo licitar a execución dun gran parque na propia finca. Está previsto realizar esa licitación e execución dos traballos nos próximos meses. Outros dos puntos do convenio recollía a recuperación da Rectoral de Bamonde, no que xa se traballa a nivel administrativo.  

 

A Tomada