O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Fopia segue funcionando para escoitar a voz da infancia e mocidade de Teo

| compartir:

O Foro de participación infantil e adolescente do concello de Teo segue a súa actividade para que as nenas e nenos de Teo poidan exercer o seu dereito á participación. Teo é Cidade amiga da infancia, un recoñecemento outorgado por Unicef. E dentro das actividades desta programa está o funcionamento do Fopia, un foro no que a infancia e adolescencia do Concello amosan as súas necesidades e intereses. Durante o estado de alarma seguen reuníndose, nesta caso utilizando as novas tecnoloxías para poder manter o contacto.

Dende o foro trabállase xa nas actividades propostas por Unicef para a celebración dos dez anos dos Encontros de Participación Infantil realizados pola entidade. Así nunha xuntanza por videoconferencia o 30 de marzo comezaron a avanzar neste tema.

O luns 6 de abril reuníronse en pequenos grupos e remataron a actividade "Paisaxe de familias", unha actividade na que se elaboraron carteis cos productos das súas dietas familiares e analizaron como estes influían no cambio climático. Para elo tiveron en conta criterios como a orixe dos productos, o tipo de envase, e a forma en que son producidos, elaborados e distribuídos, así como a cantidade de enerxía que se consume na cadena de produción ata o seu consumo e o tratamento dos residuos resultantes. O cambio climático é un dos temas que máis preocupan aos nenos/as e mozos/as do Concello e levan tempo traballando esta materia e vendo posibles accións para minimizalo. De feito están facendo un vídeo con recomendacións para que as dietas familiares sexan máis sanas e máis beneficiosas para o medio ambiente.

O Fopia ten previsto novas reunións virtuais o próximo luns 20 de abril para facer a actividade "Dez anos de Manifestos". Será en dous grupos de traballo e cada un consensuará 20 de 40 propostas que lles parece imprescindible que se cumpran porque aínda no se levaron a cabo. Esas 40 propostas resultantes reduciranse a 20 nunha segunda xuntanza do día 27 de abril. Ademais, os grupos traballan tamén na elaboración de recomendacións ás autoridades locais, e demais representantes políticos para que durante o período de alarma se poñan os medios necesarios para garantir os dereitos da infancia, educación, saúde, tempo libre e, como non, participación.

fopia