O Concello mellora as instalacións da escola infantil dos Tilos

03-09-2019
eim Tilos

O Departamento de Benestar, dirixido por Ignacio Iglesias, realizou obras de mantemento e mellora das instalacións da escola infantil municipal dos Tilos. Trátase dun dos tres centros públicos do Concello de Teo de educación para nenos/as de 0 a 3 anos e o que ten as instalacións máis antigas. 

Durante o mes de agosto, no que o centro estivo pechado para poder realizar as obras, cambiouse o chan das aulas e o comedor onde se instalou tarima flotante e cambiouse a cociña instalando mobles e electrodomésticos novos. O investimento achegouse aos 12.000 euros. 

O edil Ignacio Iglesias destaca "que dende a municipalización do servizo no verán pasado levamos revisando as necesidades de mantemento e mellora nos tres centros e no caso dos Tilos era importante acometer esta obra para manter uns estándares de calidade do servizo óptimos". 

O Concello asumeu a xestión directa das escolas infantís municipais de Calo, Os Tilos e A Ramallosa o verán pasado. O concelleiro de Benestar explica que "despois dun ano estamos moi satisfeitos co funcionamento do servizo". O curso nos centros comezou este luns 2 de setembro con 150 nenos/as matriculados/as. Neste momento hai 32 matriculados/as nos Tilos, 54 en Calo e 64 na Ramallosa. 

Segundo indican dende Benestar nos próximos días celebrarase unha comisión de baremación das novas solicitudes e agárdase que a matrícula se poida incrementar.