O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Youtubeir@s quere consolidar unha comunidade creadora galega na rede

| compartir:

O Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización lingüística de trece concellos, polas tres universidades e pola Deputación da Coruña, lanza a súa terceira edición coa meta de consolidar a comunidade de youtubeir@s que naceu, participou e medrou ao abeiro desta iniciativa nos últimos anos. “Este obxectivo únese así á esencia última do Proxecto Youtubeir@s, que non é outra que promover e darlle visibilidade ao uso do galego a través de Youtube”, sinalou a coordinadora do proxecto, Mónica Fernández Valencia, quen presentou en representación das institucións organizadoras esta mañá, na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago, o groso de actividades que se desenvolverán neste 2019. Pilar Faxil, Concelleira de Cultura de Teo, estivo presente na mesma. Teo participa nesta iniciativa dende o seu inicio.

 

Na presentación, lembráronse diferentes cifras ao respecto das dúas edicións anteriores. En concreto, destacouse que máis de 380 persoas, con idades comprendidas entre os 18 e os 80 anos, acudiron aos cursos de formación e que ao abeiro do proxecto se produciron máis de 2.000 minutos de contido en galego en Youtube. Ademais, máis de 400 persoas participaron xa nas dúas edicións dos Premios Youtubeir@s, unha das liñas de acción deste proxecto que, para esta edición, aumenta o número de categorías e incrementa a súa dotación económica ao pasar dos 5.500 euros de 2018 aos 6.500 euros desta terceira convocatoria. A cifra repartirase nos galardóns das categorías nas que se divide o certame: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle e vídeo-cantarmos. Precisamente, esta última categoría é a gran novidade deste 2019 e con ela recoñecerase e incentivarase o gran talento musical que está presente en Youtube. A estas catro categorías súmanselle outras catro que, un ano máis, premiarán os vídeos que destaquen en creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística. A estes oito galardóns, hai que sumarlles o premio do público, chamado #propostayoutubeira, coa que se impulsará por segundo ano consecutivo a interacción entre as persoas usuarias na rede social Facebook, que poderán propoñer a través do correo electrónico, proposta@youtubeiras.gal, un vídeo do que sexan seareiros/as. Este ano, amplíase o prazo de inscrición, que principia hoxe mesmo, 13 de febreiro, e remata o vindeiro 27 de setembro.

 

Formación

Outro dos piares do Proxecto Youtubeir@s dedícase á formación, que este ano centrará parte dos seus esforzos en cursos e obradoiros destinados principalmente á comunidade educativa. Aínda que Youtubeir@s é un proxecto interxeracional, son precisamente as xeracións máis novas -as que naceron xa como nativas dixitais- as que converteron Youtube nunha plataforma de encontro na que intercambiar opinións, inquedanzas ou amosar os seus coñecementos, impulsando así o concepto de youtubeir@s como novos axentes de comunicación. Por ese motivo, o proxecto achegarase ao alumnado de secundaria mediante cursos e obradoiros de formación impartidos un ano máis pola produtora Illa Bufarda e coa incorporación ao corpo docente da actriz Laura Villaverde, coñecida por ser a youtubeira Chola, It Girl; ou Marga Rodríguez Tilve, comunicadora audiovisual e youtubeira en As Cousas do Choio.

Youtubeir@s en conexión

Outra vía de traballo do programa para esta nova edición titúlase Youtubeir@s en conexión e o seu obxectivo é consolidar a comunidade de youtubeiros e youtubeiras xa existente, ampliar a súa base social, dar visibilidade ao seu traballo de creación na rede en galego e fomentar o intercambio e o debate. Con esas metas, desenvolveranse no mes de xuño na Coruña dous grandes eventos. O primeiro deles, baixo o nome de Lista de reprodución ao vivo, no que diferentes youtubeir@s compartirán a súa experiencia coas persoas asistentes que irán cambiando dun a outro como quen cambia de vídeo na Rede.

O segundo deles será a Xornada para Youtubeir@s, na cal se convoca a comunidade youtubeira galega para reflexionar sobre o panorama creativo a varios niveis (lingüístico, temático, creación de públicos), de xeito que se propicie un lugar de reflexión e conexión para tecer redes e, ao tempo, fortalecer a comunidade entre as persoas creadoras.

A estas tres liñas de acción: as actividades, os premios e a formación, cómpre engadirlles outras iniciativas de visibilización, como a acción nas redes sociais, a presenza en festivais e eventos culturais, ou programas de accións de difusión da lingua que se darán a coñecer e se desenvolverán ao longo deste novo ano youtubeiro.

Organización

Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.

youtubeiros