O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

O Entroido da Ulla contará un ano máis con atranques de xenerais infantís

| compartir:

Preto de 25 lugares e parroquias da Comarca da Ulla acollerán este ano altos ou atranques do Entroido dos Xenerais da Ulla. Múltiples asociacións veciñais e comisións de festas organizan cada ano esta Festa, declarada de Interese Turístico de Galicia no ano 2013, e contan coa colaboración conxunta dos Concellos de A Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces.

A apertura do Entroido será o vindeiro sábado 16 de febreiro, no barrio compostelán do Castiñeiriño, que recuperou a tradición o ano pasado, logo de case corenta anos sen celebrala. Os últimos atranques serán o 10 de marzo en Lestedo, Concello de Boqueixón, Salgueiros, Concello de Vila de Cruces, e Trobe, Concello de Vedra.

Entre as novidades previstas para este ano destaca os atranques infantís, que terán lugar nos Concellos de Teo, Silleda, Vedra e Vila de Cruces, nos que os protagonistas serán nenos e nenas de 8 a 12 anos que se enfrontan dialecticamente mediante coplas por eles inventadas que están ensaiando desde hai semanas nas súas escolas. O traballo destas seccións infantís dos Xenerais, no que, ao contrario que acontece cos Xenerais adultos, hai unha ampla participación das nenas, resulta vital para garantir a revitalización desta peculiar tradición.

Este ano tamén haberá unha preestrea do 1º traxe específico de Xenerala, que terá lugar en Lestedo o Domingo “de Piñata”, 10 de marzo, o mesmo día da Festa da Filloa, e que é obra de Carmen Pichel, deseñadora e costureira desa localidade. Ademais, a exposición fotográfica itinerante dos Xenerais da Ulla, estará este ano presente en Santiago, Vedra, Touro e Silleda. Trátase dunha exposición de fotografías escollidas, cheas de cor, que recollen a esencia e carácter do entroido rural tradicional dos Xenerais da Ulla. A mostra reúne un total de 60 imaxes, acompañadas de coplas ou atranques.

O Entroido dos Xenerais da Ulla remonta as súas orixes á primeira metade do século XIX e baséase nos enfrontamentos bélicos que se viviron na comarca nese período: a invasión do exército napoleónico, a revolución do 1846 ou as guerras carlistas. Os oito concellos nos que se celebra o Entroido traballan conxuntamente na revitalización e promoción desta festividade dende o 2011.

As personaxes máis importantes son os xenerais e correos a cabalo, que percorren as parroquias ao longo do día dando vivas a veciños e visitantes, acompañados dun “exército” de abandeirados, coros, comparsas e parrandas. Rematan escenificando un atranque ou alto, enfrontamento dialéctico por parellas, aproveitado para facer burla e sátira de asuntos locais, de política ou do corazón.

Toda a información e o programa do Entroido dos Xenerais da Ulla pode consultarse en www.xeneraisdaulla.com e nas distintas contas que o grupo dos oito Concellos está impulsando nas principais redes sociais para promocionar o evento: Facebook, Twitter e Instagram.

turga

Arquivos descargables

Adjunto Tamaño
cartel Xenerais 2019.jpg 1.6 MB