O Servizo de Bono Social Eléctrico pasará a prestarse todos os mércores en horario de 10:00 h a 12:00 horas no Salón de Plenos.

Outubro, mes do teatro na programación cultural teense

| compartir:

Outubro é o mes do teatro no Concello de Teo cunha intensa programación que oferta actividades para todos os públicos, adulto e infantil. Sarabela Teatro abre a programación para público adulto con Normas para saber vivir na sociedade actual o venres 5 ás 21.30 h. O sábado 6 ás 21.30 h continúa con Full Monty Anda Asociación, da Asociación Prosaúde Mental, no mesmo horario. O domingo 21 ás 19.00 h o Obradoiro de Teatro Municipal de Teo representa A vida nun fío, todos eles no Auditorio Constante Liste.

O público infantil tamén comeza as representacións o venres 5 ás 19.00 h coa obra Os contos do Grúfalo, contacontos infantil na Biblioteca dos Tilos. O xoves 11 ás 18.00 h, tamén na Biblioteca dos Tilos, Títeres Cachirulo representa A Cabeza do dragón. O sábado 13 ás 18.30 horas comezan as representacións no Auditorio Constante Liste con Pum pum, de Baobab Teatro. A Biblioteca do Grilo de Cacheiras comeza a programación o venres 19 ás 18.00 h co contacontos Como axudo a Antón? dos Biosbardos. O sábado 20 ás 18.30 h, de novo no Auditorio Constante Liste, Caramuxo Teatro representa Ela obra sobre a escritora Maruxa Mallo. O mércores 24 a actividade volve á Biblioteca dos Tilos co contacontos infantil As historias viaxeiras de Kamishibai e teatro de papel e mais o venres 26 ás 21.00 h co contacontos de Chío Couto Contos vivos que fan poesía.

A última actividade na Biblioteca dos Tilos será o sábado 27 ás 17.30 e ás 18.30 h con dúas funcións de teatro para bebés de Babaluva Teatro coa obra A alfombra máxica. Este espectáculo require anotarse no Departamento de Cultura municipal previamente.

Remata a actividade teatral infantil co musical teatralizado A casa do terror de Xoán Curiel o mércores 31 ás 19.30 h no Auditorio Constante Liste.

Actividade para o IES

O venres 5, en sesión de mañá o Auditorio da Ramallosa acollerá a representación de Sarabela Teatro da obra Normas para vivir na sociedade actual para alumnado do instituto de Cacheiras. Para completar a actividade cultural do mes de outubro, o ilustrador Óscar Villán será o encargado de impartir un obradoiro de ilustración na Biblioteca do Grilo de Cacheiras o luns 15 ás 18.00 h

Berberecheira trae a Teo Anatomía dunha serea

O Grupo Chévere volve ao Concello de Teo, lugar onde ten a súa residencia, para presentar unha nova peza da súa iniciativa Berberecheira, neste caso a obra Anatomía dunha serea. Anatomía dunha serea é unha peza de teatro documental construída sobre a memoria e a experiencia persoal da actriz Iria Pinheiro como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. Trátase ademais dunha obra de teatro autobiográfica e con carácter testemuñal, pois a voz en primeira persoa da actriz é tamén o testemuño directo de alguén que viviu os sucesos e acontecementos reais que se contan en escena. As datas das representacións serán os xoves 18 e 25 e os venres 19 e 26. O horario será ás 21.00 h no Auditorio Constante Liste da Ramallosa. As entradas pódense mercar de forma anticipada a través da web www.redenasa.tv ou 30 minutos antes na billeteira o día da función.

 

auditorio