O 2 de setembro comeza o prazo para presentar as subvencións a clubs deportivos sen ánimo de lucro e deportistas federados/as ano 2020

Data presentación

O 2 de setembro iníciase o prazo para presentar a solicitude de subvencións a clubs deportivos sen ánimo de lucro e deportistas federados/as no ano 2020 e estenderase ata o vindeiro 22 de setembro:

No Boletín Oficial da Provincia do 27/08/2020 (núm. 139) publicáronse as Bases reguladoras para a convocatoria de subvencións a clubs deportivos sen ánimo de lucro e deportistas federados/as polas actividades realizadas e para a preparación das diferentes competicións durante ano 2020, que foran aprobadas pola Xunta de Goberno Local o 17/08/2020.

Detectado un erro material na base 4.3 (Presentación de solicitudes) no referente ao boletín oficial no que deben publicarse as mencionadas bases e o anuncio de convocatoria, cuxa publicación determina o comezo do prazo para a presentación de solicitudes, resulta necesario realizar unha corrección.

Por Resolución da Alcaldía do 26.08.2020 acordouse avogar a competencia delegada na Xunta de Goberno Local e corrixir o erro material detectado no parágrafo segundo da base 4.3 (presentación de solicitudes) das mencionadas bases, substituíndo a referencia ao Diario Oficial de Galicia pola do Boletín Oficial da Provincia, quedando redactado o citado parágrafo conforme se detalla a continuación:

“O prazo é de quince (15) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Boletín Oficial da Provincia".

Publicado en teo.gal o 1 de setembro de 2020.

 

Publícanse no BOP as Bases da Convocatoria de Subvencións a entidades para clubs e deportistas federados para o exercicio 2020.

O Concello de Teo enviará ao BOP unha corrección de erros que modificará a data de solicitude da presente subvención, polo que a data contará a partir da nova publicación neste boletín.

BASES REGULADORAS PARA A CONVOCATORIA DE SUBVENCIÓNS A CLUBS DEPORTIVOS SEN ÁNIMO DE LUCRO E DEPORTISTAS FEDERADOS/AS POLAS ACTIVIDADES REALIZADAS E PARA A PREPARACIÓN DAS DIFERENTES COMPETICIÓNS DURANTE ANO 2020

1ª.— OBXECTO DA CONVOCATORIA

As presentes bases teñen por finalidade regular a concesión de subvencións destinadas á organización, promoción, preparación e/ou participación deportiva de clubs e deportistas federados/as no ano 2020, con cargo á partida 340/480.00 do orzamento 2020 por un importe total de 38.000 euros, dos que 8.500 euros se destinarán ás solicitudes formuladas por deportistas federados/as.

Son obxectivos perseguidos polas axudas reguladas nestas bases a potenciación do deporte, a promoción da práctica deportiva, a creación de canteiras de deportistas no Concello de Teo, tanto a curto como a longo prazo, impulsando ademais deste xeito formas de ocio alternativo.

2ª.—BENEFICIARIOS/AS

a) Os clubs deportivos sen ánimo de lucro con domicilio social no Concello de Teo, inscritos en todos os casos, no Rexistro de Entidades Deportivas do Concello de Teo e no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, que participen en competicións de carácter oficial e/ou organicen e/ou promovan actividades deportivas. Teñen que pertencer a federacións recoñecidas polo Consello Superior de Deportes ou pola Administración Deportiva Autonómica de Galicia.

b) Os/as deportistas que cumpran os seguintes requisitos.

- Ter licenza federativa en vigor no momento da solicitude nalgunha das federacións deportivas recoñecidas pola Administración Deportiva Autonómica de Galicia e/ou polo Consello Superior de Deportes.

- Ter menos de 31 anos e estar empadroados/as no Concello de Teo con anterioridade á aprobación destas bases.

- Participar en competicións de carácter oficial e que sexan de ámbito autonómico ou superior.

Non poderán obter a condición de persoa beneficiaria os/as deportistas que participen en competicións por equipos de carácter oficial en formato de ligas regulares.

c) Non poderán ter a condición de beneficiarias aquelas persoas ou entidades nas que concorran as circunstancias numeradas no artigo 13.2 da Lei 38/2003.

3ª.—ACTIVIDADES E GASTOS SUBVENCIONABLES

As subvencións que se outorguen ao abeiro das presentes bases, terán como finalidade:

a) Colaboración en gastos correntes derivados da realización de actividades de participación e/ou promoción deportiva por parte dos suxeitos mencionados no artigo 2º das presentes Bases e, dos gastos de conservación, mantemento ou reparación menores, que non teñan o carácter de investimento, necesarios para o desenvolvemento destas no ano 2020.

b) Gastos ocasionados pola organización de eventos deportivos durante o ano 2020 dentro do territorio municipal.

c) Aqueles clubs que reciban unha subvención nominativa non poderán concorrer a esta convocatoria co mesmo obxecto de solicitude.

d) Non serán gastos subvencionables:

— Os xuros debedores de contas bancarias.

— Os xuros, recargos e sancións administrativas.

— Os gastos de procedementos xudiciais.

4ª.—SOLICITUDES

4.1.- Instancia de solicitude

As solicitudes presentaranse na instancia formalizada recollidas nos Anexos e dirixiranse ao concelleiro de Deportes.

Soamente pode presentarse unha única solicitude por club para unha ou varias modalidades.

No caso dos/as deportistas soamente pode presentarse unha única solicitude para unha única modalidade ou especialidade.

4.2.- Documentación (están os impresos oficiais na páxina www.teo.gal ou no Departamento de Deportes do Concello)

Xunto coa instancia de solicitude do Anexo I e II presentarase a seguinte documentación:

1) CLUBS DEPORTIVOS: (datos referentes á tempada 2019/2020 ou o ano 2020 segundo corresponda á modalidade deportiva)

a) Certificado da Federación correspondente onde figuren o número de licenzas, o número de equipos e as categorías onde participa o club solicitante.

b) Declaración responsable asinada polo/a representante do club facendo constar:

b1) Deportistas femininas: listaxe con nome e apelidos especificando cales están empadroadas no Concello de Teo (o que se comprobará de oficio polo Departamento de Deportes) (se é o caso).

b2) Deportistas masculinos: listaxe con nome e apelidos especificando cales están empadroados no Concello de Teo (o que se comprobará de oficio polo Departamento de Deportes) (se é o caso).

b3) Técnicos/as: listaxe con nome e apelidos do persoal técnico do club, a súa titulación e a categoría na que adestren (con fotocopia compulsada do título de maior nivel de cada técnico/a e/ou fotocopia compulsada da súa ficha federativa).

c) Copia cotexada do CIF (no caso de non tela entregada xa noutras convocatorias anteriores).

d) Memoria descritiva do ano 2019, especificando as actividades/eventos deportivos nos que participou o club e as actividades/eventos deportivos que organizou (se é o caso).

e) Memoria descritiva da actividade que se vai a desenvolver no ano 2020 para a cal se pide a subvención, especificando as actividades/eventos deportivos nos que vai a participar o club e as actividades/eventos deportivos que vai a organizar (se é o caso).

f) Orzamento detallado de gastos e ingresos previsto para o ano 2020.

g) Certificación bancaria do número de conta onde se efectuarán os pagamentos.

h) Certificación ou declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias e coa seguridade social impostas pola lexislación vixente.

i) Declaración responsable conforme o solicitante non está incurso en ningunha das causas de prohibición de percepción de subvencións ou axudas públicas mencionadas no artigo 13 da Lei 38/2003.

k) Declaración de datos e compromisos.

 

2) DEPORTISTAS FEDERADOS/AS:

a) Copia cotexada da licenza federativa en vigor.

b) Copia cotexada do DNI en vigor (no caso de non tela entregada xa noutras convocatorias anteriores).

c) Currículo deportivo.

d) Certificación federativa onde figuren as competicións oficiais nas que participou e o resultado obtido no ano 2019.

e) Certificación federativa onde figuren as competicións oficiais nas que participou no ano 2018.

f) Memoria descritiva da actividade que se vai a desenvolver no ano 2020 para a cal se pide a subvención.

g) Orzamento detallado de gastos e ingresos previsto para o ano 2020.

h) Certificación bancaria do número de conta onde se efectuarán os pagamentos.

i) Certificación ou declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas tributarias e coa seguridade social impostas pola lexislación vixente.

k) Declaración responsable conforme a que o/a solicitante non está incurso en ningunha das causas de prohibición de percepción de subvencións ou axudas públicas mencionadas no artigo 13 da Lei 38/2003.

l) Declaración de datos e compromisos.

m) Última resolución publicada no DOG da Secretaría Xeral para o Deporte onde figure o recoñecemento de Deportista Galega/o de Alto nivel. (se é o caso)

Nos puntos h), i) e k) no caso dos menores de idade serán os datos dos titores legais.

4.3.- Presentación de solicitudes

As solicitudes e a documentación presentaranse conforme aos modelos que figuran nos anexos, no Rexistro Xeral do Concello preferiblemente por sede electrónica, presencial en horario de atención ao público de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres.

O prazo é de quince (15) días hábiles, que se contarán a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio da convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Igualmente, as ditas solicitudes poderanse presentar por calquera das formas previstas no artigo 16.4 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas (ou naqueloutras previsións normativas concordantes e/ou substitutivas deste artigo). Neste caso comunicarase ao Concello dentro do prazo de presentación de instancias, por correo electrónico ao enderezo: deportes@teo.gal, ou por calquera outro medio polo que quede debidamente acreditado, achegando copia do resgardo da presentación da solicitude.

4.4.- Corrección de solicitude

Unha vez revisadas todas as solicitudes, a aquelas que conteñan erros ou deficiencias comunicaráselles e concederáselles un prazo de 10 días hábiles a partir da súa comunicación para a súa corrección. De non emendar os defectos no dito prazo arquivarase sen máis trámites.

Publicado en teo.gal o 27 de agosto de 2020.